DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixidas a persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%

Oito estudantes da Universidade poderán beneficiarse das bolsas Fundación ONCE-CRUE

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 17 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
Yaiza Canedo DUVI 26/11/2018

Facilitar o desenvolvemento de prácticas académicas externas do alumnado universitario con discapacidade. Este é o obxectivo co que a Universidade de Vigo e a Fundación ONCE convocan en réxime de concorrencia competitiva oito bolsas que promoven a mellora da empregabilidade e o futuro profesional destes alumnos e alumnas. 

A convocatoria, que busca tamén fomentar vínculos entre empresas e universidades, está dirixida a estudantes cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% que estean matriculados, no curso 2018-2019, en estudos de grao – tendo superados polo menos o 50% dos créditos - ou mestrado e que non tiveran gozado dunha axuda deste tipo con anterioridade. As persoas interesadas que cumpran estes requisitos terán ata o vindeiro 17 de decembro para poder inscribirse nesta convocatoria a través da páxina web da ONCE, na que tamén poderán consultar información relativa a bolsa, así como descargar a convocatoria.

Duración de 3 meses e retribución de 600 euros mensuais

As prácticas, cun horario de 25 horas semanais que será pactado entre a empresa e a persoa beneficiaria, respectando a actividade académica do alumnado, poderanse realizar en todo tipo de empresas, entidades do terceiro sector e outras institucións públicas e privadas. Se ben as prácticas terán unha duración de tres meses consecutivos, entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2019, se a empresa de acollida se compromete a aboar a mesma ou superior axuda mensual e a correr co custo das obrigas tributarias, estas poderán ampliarse ata os seis meses. 

O traballo será retribuído con 600 euros brutos mensuais e é incompatible cunha relación contractual de tipo laboral coas empresas, pero é compatible con outro tipo de axudas, tendo en conta que o fin último destas axudas é incentivar ás empresas a contratar persoas con discapacidade, que terán así unha maior oportunidade de inclusión. 

O perfil, o currículo e o expediente académico, pezas clave na decisión

A comisión de selección, presidida pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, elixirá aos candidatos e candidatas tendo en conta a nota media do expediente do alumnado, os seus méritos no currículo e a adecuación do seu perfil, dándolle prioridade a aqueles estudantes que se atopen cursando o mestrado ou o último curso da titulación de grao. 

As resolucións publicaranse no portal de bolsas da Universidade, xa que a xestión destas bolsas depende directamente da Sección de Axudas e Bolsas da Universidade en coordinación coa Área de Emprego e o Servizo de Extensión Universitaria.