DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus ten aberta a inscrición nos seus cursos de extensión universitaria

Oito ideas frescas para seguir formándose no verán

As propostas abranguen desde a lingua de signos ata o liderado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 16/05/2025

Co lema Ideas frescas! a programación de cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os coñecidos como cursos de verán, xa está en marcha. Desde o día 12, as persoas interesadas, membros ou non da comunidade universitaria, pódense inscribir nalgunha das oito propostas, cinco delas novas, feitas desde a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense. As súas temáticas abranguen desde a construción sociocultural do amor romántico ata as últimas novidades no audiovisual galego.

A matrícula está aberta aos membros da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral e realízase a través do Campus Activo da Universidade de Vigo. Os cursos teñen entre 30 e 47 horas de duración e están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo. O seu prezo oscila entre os 10 e os 50 euros, habendo diferentes descontos para colectivos vinculados coa institución académica. Por último, o número de prazas varía entre as 20 e 40.

Cinco novidades

Cinco son as propostas novas desta edición. Baixo o título Motivando-T: liderado e motivación e a dirección de Mónica Legaspi, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acollerá do 7 ao 11 de xullo un curso destinado a xente con “inquedanza de dirixir e coñecer o liderado de áreas, proxectos e persoas”. A formación “baséase nun enfoque innovador que fusiona a importancia das emocións no comportamento e a intelixencia emocional e social aplicada ao rol laboral, directivo ou emprendedor”.

Tamén en xullo, do 14 ao 24, na Facultade de Educación e Traballo Social impartirase un curso de iniciación á lingua de signos española, á comunidade e cultura xorda e ás ferramentas socioeducativas inclusivas. Baixo a dirección de Breogán Riobóo, nel darase a coñecer “a lingua de signos española, recoñecida como patrimonio cultural inmaterial” e promoverase “unha educación de calidade para o alumnado xordo”.

Pola súa banda, en agosto e setembro desenvolverase Termalismo: descubrindo Estremadura, Portugal e Galicia. Trátase dun curso dirixido por José Luis Legido e Elisa Alén que ten como “obxectivos a adquisición de coñecementos xerais dos fundamentos do termalismo e analizar e interpretar a relación existente entre os distintos centros termais e as técnicas e produtos empregados”. Para facelo, as persoas participantes achegaranse a coñecer a estrutura de diferentes centros termais de Estremadura, Portugal e Galicia.  

Xa co curso académico 2025/2026 en marcha, os días 16, 17, 23, 24, 30 de setembro e 1, 7, 8, 14, 15 de outubro, terá lugar na Facultade de Educación e Traballo Social unha formación centrada na construción sociocultural do amor romántico en Occidente desde unha perspectiva multidisciplinar, coa idea e entender a súa dimensión política, económica e social. A iniciativa, enmarcada na liña de avanzar na igualdade de xénero e erradicar a violencia contra as mulleres, está coordinada pola catedrática María Lameiras.

Igualmente na Facultade de Educación e Traballo Social, os días 12, 19, 16 e 27 de setembro e 3 e 10 de outubro celebrarase un curso sobre recursos socioeducativos e metodoloxías activas para transformar a educación. Dirixido por Jesús Deibe Fernández Simo, afondará no impacto da intelixencia artificial na práctica docente; nas oportunidades e recursos de formación; nas prácticas de actualización e investigación na aula; na aprendizaxe baseada en proxectos, na aula invertida e design thinking e en experiencias innovadoras e estratexias para “a configuración dunha escola que dea resposta á dimensión social”.

Tres reedicións

Outras tres actividades repiten de anos anteriores. Así volve celebrarse unha nova edición do curso que cada ano acolle o Concello de Muíños, que nesta ocasión leva por título Retos actuais e futuros na conservación da biodiversidade. Baixo a dirección de María Fernández e María del Carmen Seijo, desenvolverase do 11 ao 13 de xuño e nel “abordarase desde unha perspectiva científica a relevancia de aspectos como a conservación da biodiversidade, a prevención de incendios forestais e a xestión responsable dos recursos naturais e hídricos, co obxectivo de garantir un desenvolvemento sostible no século XXI”.

Ademais, no Concello de Celanova haberá, do 23 ao 27 de xuño unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais que cada verán se celebra en colaboración coa Fundación Carlos Casares e a dirección de Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez. Nesta ocasión leva por título Audiovisual galego. Traspasando fronteiras e unha vez máis nel analizaranse as últimas producións audiovisuais galegas de man dos seus equipos. Igualmente, alumnado de Comunicación Audiovisual da UVigo realizará o taller de produción audiovisual Celanova, plató de ficción.

Por último, do 25 ao 28 de xuño terá lugar unha nova edición, a terceira, de Ourense no tempo: historia, arte e tradicións. Dirixida desde a Facultade de Historia por Xosé Ramón Campos, nesta actividade farase un percorrido multidisciplinar pola provincia, desde a prehistoria ata a actualidade, analizando tanto feitos históricos como artísticos e etnográficos. Algunhas sesións realizaranse in situ, con percorridos pedestres guiados pola cidade de Ourense e por lugares históricos e arqueolóxicos das comarcas de Allariz e Valdeorras.