DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abarcan os ámbitos científico, tecnolóxico e xurídico-social

Oito másters oficiais conforman a oferta do campus para o curso que vén

A metade destes programas estréanse no 2008/2009

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 24/06/2008
O proceso de converxencia europea segue imparable na Universidade de Vigo, que para o curso que vén quere posicionarse como referente dunha educación multidisciplinar e de calidade ofertando un total de 29 másteres oficiais, completamente adaptados a Boloña e que abarcan todos os campos de coñecemento. No campus de Ourense, poderán cursarse oito posgraos dos cales a metade comezarán a súa andaina o vindeiro curso. Este amplo abano, no que están representados a meirande parte dos centros, abarca os ámbitos científico, tecnolóxico e xurídico-social, e estará aberto a calquera licenciado, diplomado ou enxeñeiro, tanto técnico ou superior.
O obxectivo é mellorar a inserción laboral do alumnado grazas ao seu carácter profesionalizante e ademais, permitir a volta á Universidade dos titulados para a actualización de coñecementos ou para a súa especialización, configurando unha oferta de formación continua e atractiva. Asemade, os posgraos tamén cumpren a función de iniciar ao estudante na actividade investigadora, xa que corresponden tanto ao segundo como ao terceiro ciclo e ofertan estudos de máster e doutoramento.
Os interesados deberán facer a preinscrición conforme aos requirimentos específicos de cada máster entre os días 1 de xullo e o 14 de agosto, mentres que as datas de matrícula, unha vez adxudicada a praza, están aínda por concretar pero, previsiblemente, serán ao longo do mes de setembro.

Ámbito xurídico-social

A oferta de posgraos no campus conta cunha importante presenza de másters do ámbito xurídico social. Como unha das novidades, lánzase o Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, que integra dous ámbitos de especialización fondamente interrelacionados e sobre os que existe un déficit de formación no sistema educativo galego: a creación e a dirección de empresas e a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade. Cunha duración de 90 créditos ECTS, será impartido na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo aínda que tamén inclúe prácticas en empresas para aplicar os coñecementos adquiridos.
Outra das novas apostas, desta banda da Facultade de Ciencias de Educación, é o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade de Contextos Educativos creado coa finalidade de darlle ao alumnado a oportunidade de mellorar as súas destrezas en campos tan diversos como a integración de inmigrantes nunha clase, a atención ás persoas maiores ou con discapacidades ou a relación con estudantes superdotados, entre outros . O curso, dun ano de duración, comprenderá cinco módulos en que se tratarán aspectos como o interculturalismo, as desigualdades económicas e os procesos formativos en persoas adultas.
Ademais, o Máster en Dereito Urbanístico e do Medio, na Facultade de Dereito, chega á súa segunda edición para dotar aos estudantes dos coñecementos necesarios sobre a normativa urbanística vixente e dotalos de práctica no manexo de problemas prácticos xurídicos e ambientais, así como sensibilizalos coas repercusións sociais de toda esa lexislación e capacitalos para asesorar xuridicamente tanto a entidades públicas como privadas.
Doutra banda, o Máster en Dirección e Planificación do Turismo completa a variada oferta que a Universidade ten neste ámbito para o vindeiro curso. Grazas aos 120 créditos dos que consta, que dan acceso ao título de doutor, o posgrao volve para seguir formando profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de empresas, actividades e institucións turísticas. O primeiro dos cursos proporciónalle ao alumno unha base sólida de coñecementos sobre o denominado triángulo da intelixencia turística: formación, investigación e innovación. Mentres, o segundo é un curso de especialización sobre Turismo de Interior e Saúde.

Ámbito científico

Dentro do eido científico, comeza a súa andaina o Máster en Nutrición que nace co obxectivo de formar especialistas encamiñados a traballar en hospitais, institucións e comedores, así como en todo tipo de empresas do sector alimentario. Pioneiro no sistema universitario galego, o máster comprende os 60 créditos equivalentes a un ano académico, e abarca tanto os aspectos máis actuais da nutrición, como os relacionados co metabolismo e a saúde dende unha perspectiva práctica.
Ademais, a alimentación tamén é a protagonista doutro dos posgraos que ofrece a Facultade de Ciencias, o Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria no que será o seu terceiro ano no campus. Cunha duración de dous anos académicos, o posgrao pretende formar especialistas na cadea alimentaria, dende a fase de produción de materias primas aos últimos adiantos en biotecnoloxía, sen esquecer os controis de calidade e responde á necesidade social deste tipo de profesionais.

Ámbito tecnolóxico

O ámbito tecnolóxico conta en Ourense con outras dúas propostas. Por unha banda, a Universidade de Vigo incorpora á súa oferta o Máster en Consultoría de Software Libre grazas ao que a Escola Superior de Enxeñaría Informática se desmarca formando profesionais nos fundamentos, vantaxes e oportunidades que ofrecen estas aplicacións, para que sexan quen de implantar e desenvolver modelos de negocio baseados en tecnoloxías de software libre. Ademais, o alumnado adquirirá tamén coñecementos dos métodos que permiten aliñar a política TIC dunha empresa coas súas necesidades estratéxicas ou coñecer os principais tipos de ameazas ás que está sometido un sistema informático.
Por outra banda, a Facultade de Ciencias volverá ofertar o Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, impartido de xeito conxunto polas tres universidades galegas para a formación específica nas múltiples opcións que a tecnoloxía láser posibilita. Aínda que, como todos os máster, está aberto a calquera interesado, dado o seu perfil técnico, a formación previa ideal é a de enxeñeiro superior, técnico ou licenciado en Física.