DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O personaxe, presentado hoxe, desenvolveuse a partir do escudo da institución

Oli, a mascota que amosa a cara máis amable da Universidade

“Debe verse como unha cara agradable e unha man tendida”, dixo Reigosa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 30/04/2019

Branca. Moderna. Neutra. Non figurativa….Estes son algúns dos trazos que definen a Oli, a mascota da Universidade de Vigo, que desde hoxe conta cun personaxe que a representará e do que o reitor, Manuel Reigosa, asegurou que “espera moito”. Desenvolvida a partir do escudo da institución académica, a mascota da Universidade de Vigo foi deseñada pola directora da Área de Imaxe, Ana Soler, que se referiu a súa creación como “un espírito branquiño que nos acompaña”. Nun acto celebrado este mediodía no edificio Miralles do campus vigués, a comunidade universitaria tivo ocasión de coñecer e mesmo fotografiarse con Oli, que a partir de hoxe se converterá nun elemento fundamental da iconografía da institución. 

A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, foi a encargada de abrir o acto de presentación da mascota, “un personaxe que esperamos que sexa a voso amigo”, dixo, ao tempo que destacou a súa finalidade lúdica, “por que aínda que a alguén lle puidese parecer unha broma esta presentación, nós tomámonos moi en serio sorrir”. Neste sentido, o reitor sinalou que agarda que Oli “axude a nivel interno con máis sorrisos durante este mandato”, dixo Reigosa, que incidiu na necesidade de que a comunidade universitaria continúe a traballar internamente na procura de máis diálogo e negociación. Para o reitor, Oli debe verse como “un socio amable, unha cara agradable e unha man tendida “, que sirva para que a sociedade na que se insire na institución “non nos mire como algo que está lonxe, senón cerca e coa man tendida”, dixo Manuel Reigosa.

Oliveira. Mar. Terra. Tres campus

A directora da Área de Imaxe da Universidade foi a encargada de explicar os detalles da mascota da Universidade, “que nos acompañará e será o noso embaixador. A cara amable que transmite a imaxe da xente está detrás da Universidade”, dixo. Ana Soler explicou que o deseño de Oli parte do significado do escudo da institución, ao que despois dun tempo “dado de lado, dáselle luz”. Así, os elementos gráficos que integran o escudo: as ramas de oliveira que representan os tres campus e o mar, foron reinterpretados e redeseñados ata conformar un personaxe branco, cun corpo flexible “como as ramas da árbore, que medra aprendendo”; e pés de auga, “a auga do mar e a terra de Galicia”, explicou a docente e investigadora da Facultade de Belas Artes.

Cunha cabeza en forma de folla, pero tamén de bocadillo de cómic, en referencia ao diálogo e o pensamento, Oli toma o seu nome do inicio da palabra oliveira e tamén das olas e do saúdo ola, “Oli, ola, un saúdo novo e desenfadado”, explicou Ana Soler, sobre a mascota da Universidade, “que fala en Roboto, unha tipografía especialmente pensada para as redes e a web”, dixo a directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo.