DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con probas de atletismo, fútbol, baloncesto, tenis, voleibol, balonmán e tenis de mesa

A Olimpíada de Minas reúne no campus 150 estudantes

Procedentes de Madrid e Vigo, competirán e compartirán experiencias ata o sábado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantes
DUVI 21/03/2019

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía leva anos participando no Cartel de Minas, unha competición deportiva na que se miden centros de toda Europa. Tras a súa experiencia nesta cita internacional decidiron poñer en marcha un evento similar de carácter nacional, que a partir de hoxe xoves celebra a súa primeira edición. Baixo a denominación de Olimpíada de Minas, arredor de 150 alumnos e alumnas de escolas de enxeñaría de minas, enerxía e materiais de Vigo e Madrid medirante ata o sábado en ligas e competicións de atletismo, fútbol 7, baloncesto, tenis, voleibol, balonmán e tenis de mesa.

Trátase, como explican os responsables do Club Deportivo Minas e Enerxía, Carlos Gómez e Carlos Landín, dunha competición tanto deportiva como festiva e cultural, que se desenvolve durante tres días, nesta primeira nas instalacións deportivas do campus de Vigo. “Cremos que esta olimpíada pode conseguir tamén, igual que o fai o Cartel de Minas, que alumnos de toda la península ibérica consigan formar novas relacións con estudantes do seu mesmo ámbito, relacións que, nun futuro, poden ser de moita utilidade”. Aínda que este primeiro ano participan unicamente Vigo e Madrid, o Club Deportivo Minas e Enerxía espera que se vaian ampliando as universidades participantes e que, para o futuro, outras escolas se animen a organizar as próximas edicións. 

As probas deportivas arrancaron ás 15.00 horas, pero previamente o vestíbulo da escola viguesa acolleu un acto de benvida para todos e todas as participantes. A encargada de recibilos foi a directora da escola, Elena Alonso, que felicitou ao Club Deportivo Minas e Enerxía pola capacidade demostrada na organización deste evento. “Fostes quen de traballar en equipo, organizar, planificar tarefas, asumir responsabilidades, etc. e todas estas capacidades xa vos soan porque están marcadas como competencias obxectivo nas nosas titulacións”, destacaba Alonso. Tamén remarcou que este evento é “un xeito de colaborar” entre as dúas escolas participantes e “agardamos que estas colaboracións sexan a longo prazo, sodes un exemplo para outros estudantes tanto das xeracións futuras como para alumnos e docentes doutros centros”.

As competicións deportivas continúan mañá venres e o sábado e intercalaranse con actividades lúdicas, comidas conxuntas e festas.