DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa primeira edición

As Olimpíadas de Minas reunirán a máis 150 estudantes de toda España

Será o vindeiro 8 de marzo nas instalacións deportivas do campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 26/02/2008

Máis de 150 estudantes de Enxeñería de Minas de toda España teñen unha cita co deporte o vindeiro 8 de marzo no campus de Vigo para participar na primeira edición das Olimpíadas Nacionais de Enxeñería de Minas.
Trátase dun iniciativa xurdida dun grupo de alumnos da escola viguesa, que en contacto coas Universidades de Madrid, Oviedo e León, nas que tamén se imparten estes estudos, decidiron reunirse “para confraternizar e competir pasando un bo rato cos compañeiros”, tal como afirma Alejandro Comesaña, membro da organización. Para levar a cabo este evento constituíuse un comité formado por dez estudantes que conta coa colaboración do Servizo de Deportes, da empresa Coca-Cola e da propia ETSE de Minas, á que José Luis Besteiro, outro dos integrantes da organización, agradece especialmente “a súa implicación no proxecto, tanto a nivel económico, como á hora de intermediar con outras entidades, xa que o director, Pedro Arias, conseguiu que o comedor abra o sábado, cando normalmente estaría pechado”.

A competición

O pavillón universitario, os campos de herba sintética e natural, a piscina e a pista de atletismo albergarán os campionatos que se desenvolverán ao longo de todo o día, e que rematarán coa entrega de trofeos e a posterior cea de confraternización. Dentro das probas deportivas masculinas, a organización ten previsto organizar campionatos de fútbol 11 e baloncesto, mentres que para as mulleres preparan fútbol sala e voleibol. Pola súa banda, tenis de mesa, atletismo e natación serán mixtos.
A escola de Madrid é a que parte como favorita por ser a que conta cun maior número de estudantes e ademais “xa ten participado en todas as edicións do Cartel des Mines, que é competición deportiva disputada entre varias escolas de Minas de distintos países de Europa”, segundo palabras de Alejandro Comesaña, que engade que “Vigo e Oviedo non están a ese nivel”.

Publicidade para a ETSE de Minas

“Para nos, estas Olimpíadas son un modo de publicitar a Escola”, tal como apunta Luis Besteiro, que confía en que con actos deste tipo se difusión á carreira e o número de matriculados siga en auxe, tal como sucedeu neste curso académico no que, tras un progresivo descenso de alumnos en anos anteriores, cubríronse as cincuenta prazas ofertadas.