DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro Blanco protagoniza o 7 de abril un coloquio na FCEE 

Olimpismo, economía e deporte, unha análise da man do presidente do COE na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Académica
DUVI 05/04/2021

O ciclo Coloquios en tempos de pandemia continúa a súa andaina coa celebración dun novo relatorio o vindeiro mércores 7 de abril, que estará protagonizado desta volta polo presidente do Comité Olímpico Español. A poucos meses vista do inicio dos Xogos Olímpicos de Tokio, Alejandro Blanco abordará no seu relatorio, que comezará ás 13.15 horas, aspectos relacionados co olimpismo, a economía e o deporte. A conferencia desenvolverase en formato en liña, habilitándose ademais 75 prazas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo para aquelas persoas que desexen seguir a retransmisión desde o centro. Aínda que a entrada é gratuíta, por cuestión de limitación de capacidade, é preciso realizar unha inscrición previa.

Nado en Ourense e licenciado en Ciencias Físicas, Alejandro Blanco conta cun amplo historial como deportista e directivo da Federación de Judo. Presidente do COE desde 2005, Blanco ocupou ao longo da súa traxectoria profesional numerosos postos directivos como a presidencia da Candidatura Madrid 2020, recibindo ademais múltiples distincións, entre elas a medalla de Oro al Mérito Deportivo del Consejo Superior de Deportes.

Fundación Banco Sabadell súmase aos Coloquios en tempos de pandemia 

Logo de iniciar a súa actividade, promovida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Fundación Mentor, en outubro do ano pasado, o ciclo Coloquios en tempo de pandemia suma a partir de agora a colaboración da Fundación Banco Sabadell e a da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo. O director xeral do grupo biofarmacéutico Zendal, Andrés Fernández; a psicóloga clínica, Enma Puig; o ministro de Industria, Turismo y Comercio e director da Oficina Económica de Moncloa durante os gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero, Miguel Sebastián; a conselleira delegada do grupo T-Solar, Marta Martínez e o regatista Chuny Bermúdez de Castro, foron ata o de agora as e os invitados do ciclo que continuará, logo do relatorio deste próximo mércores, o 14 de abril coa participación de Gustavo Zerbino un dos supervivintes do accidente aéreo dos Andes.