DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O márketing deportivo centra a cuarta 'Érték Conference', organizada xunto ao club vigués

Unha ollada ao futuro da comunicación e do deporte da man do RC Celta 

As xornadas foron inauguradas pola decana e o presidente da entidade, Carlos Mouriño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/03/2023

As tecnoloxías dixitais e os cambios sociais transformaron nos últimos anos o panorama da comunicación, pero tamén o xeito no que a cidadanía segue os eventos deportivos. Con esta idea como punto de partida, este mércores arrancou na Facultade de Comunicación a Érték Conference Sports Edition, a cuarta edición dun ciclo de conferencias promovida por un grupo de estudantes, á que neste 2023 se suma o Real Club Celta, no marco dos actos do seu centenario. Da man do club vigués, o evento pon o foco nesta edición no márketing deportivo, a través dunha serie de conferencias e mesas de debate nas que participan tanto directores de diferentes departamentos do club como responsables de axencias de publicidade e profesionais da comunicación.

O papel da comunicación nun “momento de cambios sociais”

Con preto de 125 inscritos e inscritas, a cuarta edición desta Érték Conference foi inaugurada pola decana, Emma Torres, e o presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, que puxeron en valor o traballo dos estudantes impulsores desta iniciativa. Como un “exemplo do que debe ser a Universidade, que ten que ir moito máis aló das aulas”, presentounos a decana, que afondou na importancia da comunicación como unha “ferramenta fundamental” para que o deporte chegue á cidadanía “como unha actividade de benestar social”. Partindo desta vinculación, Torres puxo o foco na necesidade de “non perder de vista que estamos vivindo un momento de cambios sociais, relacionados de xeito directo co consumo dos medios de comunicación”, no que tamén "está cambiando" a forma na que se “consume deporte”. De aí que incidise que tanto as e os profesionais da comunicación como do deporte teñen por diante “retos por diante moi importantes”, o que levouna a pór de relevo a importancia de que estas xornadas permitan xerar un debate sobre “como vai ser o consumo e a práctica do deporte no futuro e que podemos facer para que ese valor engadido siga funcionando”. Neste reto, sinalou, a Facultade de Comunicación constitúe unha “canteira de comunicadores polivalentes, capaces de innovar, de facer fronte a novos retos e adaptarse ás novas formas de comunicación”. 

“As cousas hai que facelas con vistas a longo prazo, con visión de futuro”, engadiu nesa mesma liña Carlos Mouriño. Na súa intervención, o presidente do Celta puxo o foco en que, “ao igual que a comunicación”, tamén o fútbol sufriu nos últimos anos “unha tremenda transformación”, situando como exemplo as críticas que ao inicio da súa etapa á fronte do club xeraba a idea “de que se queríamos sacar ao Celta do problema económico que tiñamos, debíamos xestionalo como unha empresa”. Na actualidade, “falar da industria do deporte ou de deporte empresa xa non espanta a ninguén”, concluíu Mouriño, quen sinalou tamén a aposta do club polo traballo pola canteira como exemplo dun “traballo continuado e constante, do que agora estamos recollendo os froitos”.

O acto de apertura completouse coa intervención dunha das organizadoras da primeira edición de Érték, Sofía Rodríguez, que salientou que "o que vemos hoxe aquí é o reflexo de moitísima ilusión e traballo”, nunha inicitativa que arrancou en 2019, a partir da idea da estudante Sara Piñeiro, que tiña como obxectivo achegar ao alumnado as experiencias de profesionais do márketing e da publicidade. “Traballar en ideas e proxectos que te apaixonan é a mellor forma de aprender”, concluíu Rodríguez. 

“Na comunicación, temos que ser consecuentes”

En cada minuto que pasa, realízanse no mundo 1,4 millóns de buscas en Google e 4,7 en Yotube, descárganse 400.000 aplicacións, publícanse 200.000 tweets e envíanse 190 millóns de correos electrónicos. Estas cifras serviron ao director de comunicación e contidos do RC Celta, Marco Rocha, para pór de relevo o papel que xoga actualmente a comunicación, na primeira conferencia destas xornadas. Nun “ecosistema” no que teñen que competir cos restantes clubs de Primeira División, lograr que o Celta faga chegar a súa mensaxe implica, sinalou, “facer os nosos contidos atractivos”, pero tamén “consecuentes coa marca que xestionamos”. De aí que entre os “mandamentos” que rexen a comunicación do club figure tanto unha “aposta polo emocional” como un xeito de “humanizar a marca”, como “intentar estar cerca do seguidor” e ter en conta a importancia que ten no fútbol “o sentimento de pertenza”. Neste contexto, Rocha puxo o foco na importancia que teñen para o club as redes sociais, xa que “agora mesmo, todos nós somos un medio de comunicación”. Nese senso e co obxectivo de ser “donos da nosa mensaxe”, sinalou, o RC Celta conta con 24 perfís en redes sociais, que suman máis de tres millóns de seguidores, dos que só o 38% se sitúan en España. “Somos xestores de paixóns”, concluíu o responsable de comunicación do club vigués. 

Conferencias e mesas redondas

Oito conferencias e tres mesas redondas integran o programa desta Érték Sports Edition, que acolleu esta mañá un debate sobre o papel de TikTok e Twitch no márketing deportivo, na que participaron o responsable de redes sociais do Celta, Berto Carballo; o influencer Miguel Mandayo, o director de novo negocio e estratexia dixital de Bushido Talent, Pablo Rodríguez, e a responsable da axencia Trend, Xiana Vidal. Tras este coloquio, tivo lugar unha mesa titulada Construír brand lovers no mundo deportivo, na que interviñeron o director comercial do Celta, Carlos Salvador; o responsable de márketing deportivo e comunicación de Estrella Galicia, José Villanueva, e o responsable de comunicación do Atlético Guardés, Borja Refojos. Así mesmo, esta mañá tiveron lugar tamén os relatorios do responsable da axencia MolcaWorld, Fran Carrasco, e do fundador do Marisquiño, Carlos Domínguez.

Xa pola tarde, a xornada continúa cunha mesa sobre o futuro do deporte, que reúne representantes do xornalismo deportivo, da axencia Youplanet e da área de e-sports do Celta, xunto co futbolista do primeiro equipo e estudante da UVigo Kevin Vázquez e o ex-xogador Borja Oubiña. Esta primeira xornada pecharase cunha presentación do proxecto Galicia Sports 360, a cargo de Marián Mouriño, e a actividade retomarase na mañá do xoves cunha conferencia sobre márketing de influencers a cargo da coordinadora de embaixadores e talentos de LaLiga, Juliana Francini. Nesta segunda xornada terán tamén lugar os relatorios de Emmanuel Joven, director de arte na axencia Bap & Conde; María José Herbón, directora corporativa do RC Celta, e Andrés Weiss, redactor e xestor de redes sociais do dixital La Media Inglesa