DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Jessica Silvares estudou os baños de Santa María

Unha ollada ao pasado termal de Castrelo de Miño

Co obxectivo de contribuír á valorización da súa historia

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 29/06/2018

Cando en 1970 se construíu o encoro situado no Concello de Castrelo de Miño mudou a paisaxe da zona e desapareceron espazos como os seus baños termais de Santa María. A historiadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo Jessica Silvares ven de realizar un achegamento histórico a este enclave, do que na actualidade só se conservan dúas bañeiras e un pozo. “Con este pequeno traballo queremos que os baños de Castrelo de Miño volvan rexurdir como referente termal da provincia, denominación da que gozaron ata non hai tanto tempo”, comenta a historiadora.

O artigo no que se recolle o traballo realizado por Jessica Silvares, secretaria técnica do III Congreso Internacional da Auga, foi publicado recentemente co título Unha ollada ao pasado termal de Castrelo de Miño. Baños de Santa María no libro-CD de actas do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida onde foi presentado. “Toda a canle do río Miño atópase salpicada por zonas onde brotan augas termais que foron aproveitadas ao longo da historia polos moradores da súa contorna. Isto mesmo sucede ás beiras do río no Concello de Castrelo de Miño, onde ata o século pasado se podía facer uso dun dos conxuntos termais máis apreciados da provincia ourensá”, sinala. 

A investigación realizada, comenta a súa autora, consistiu por unha banda nunha busca bibliográfica e historiográfica sobre este enclave e por outra nun traballo de campo que se centrou, ademais de na visita aos únicos restos que se conservan de Santa María de Castrelo, en recompilar información das e dos veciños da zona, “xa que son eles os que durante moitos anos, ata a construción da presa, gozaron dos baños, das súas propiedades curativas, pero tamén da fonte de ingresos que significaron para eles”.

Pasado e presente

O lugar onde se localizan os baños, indica a investigadora do Geaat, conta con nutridas referencias históricas pois o lugar de Santa María levantouse sobre os restos dun castro castrexo-romano no que apareceron varios restos arqueolóxicos. Neste contexto, a primeira mención que atopou Silvares dos baños de Santa María recóllea Bedoya na súa obra Descripción de 54 fuentes del Reyno de Galicia, de 1772. 

Tomando as referencias históricas e a memoria das e dos veciños, a historiadora lembra no seu artigo como o complexo de baños gozou dunha grande afluencia durante décadas, contando con zonas de baños e varias fontes de augas termais. “Están a Burga Alta, a que se localiza un pouco máis río arriba e que sabemos que tiña un caudal de 0,1 litros/segundo e unha temperatura de 60 ºC, e a Burga de Abaixo, seguramente localizada onde as antigas casetas de baño do complexo, que achegaba o mesmo caudal pero cunha temperatura inferior, 47 ºC”, relata a historiadora. 

A pesar de non contar actualmente con grandes estruturas que avalen a existencia dun edificio termal ao uso, engade a investigadora, “as evidencias escritas e mesmo orais axúdannos a facernos unha idea de como funcionaron na súa época de máximo esplendor”. Así, a historiadora apunta que “sabemos que os baños eran zonas frecuentadas polos habitantes da zona que facían uso das súas instalacións de baño pero tamén das fontes de augas quentes que brotaban na súa contorna”. Existían, engade, outras zonas onde brotaban augas termais que eran así mesmo aproveitadas polos seus fins curativos.

“O único que conservamos do que foron os baños de máis caudal da provincia e que tiveron tal repercusión como para que as súas augas viaxasen embotelladas para formar parte das instalacións de Ourense na Exposición Universal de Barcelona de 1888, son dúas pequenas bañeiras de pedra e un pozo onde se recollen as augas termais que aínda brotan na actualidade”, explica Jessica Silvares. Este conxunto, describe, está formado por dúas bañeiras de granito de 178 centímetros (cm) de longo por 57 cm de ancho, cunha profundidade de 50 cm, contando con varios rebaixes por onde circularía parte da auga. O pozo, indica, ten unhas dimensións de 77cm por 82 cm e unha profundidade duns 90cm. “A estado conservación das bañeiras non é o mellor”, sinala a investigadora, que lembra como é posible ver estes restos cando o caudal do río se atopa baixo e as comportas da presa de Frieiras están abertas.