DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No centenario do nacemento do polígrafo pontevedrés

Unha ollada á historia da Galicia do século XX a través de Figueira Valverde

Etiquetas
  • Pontevedra
Lourdes Otero DUVI 10/10/2007

Con motivo do centenario do nacemento de Xosé Figueira Valverde, a cidade que o veu crecer, Pontevedra, converteuse en sede de diversos actos conmemorativos para homenaxear a un dos seus fillos predilectos e figura clave na historia de Galicia.
Baixo o epígrafe “Xosé Filgueira Valverde.1906-1996. Un século de Galicia” desenvolvéronse tres iniciativas: un congreso, unha exposición e a publicación dun catálogo. Entre os obxectivos estaba o de recuperar a traxectoria vital e a dilatada labor cultural dunha das figuras senlleiras da nosa cultura.
O libro, publicado hai uns meses, supuxo o broche de ouro a este conxunto de actividades, organizadas pola Deputación de Pontevedra e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, e nas que a Universidade de Vigo colaborou a través da Cátedra Filgueira Valverde.
Trátase dunha completa publicación que recolle, en galego e castelán, diversos textos elaborados no Congreso.
Na obra, o polígrafo pontevedrés é analizado dende múltiples perspectivas, unha delas é a que traza Francisco Fernández del Riego, intimo amigo de Filgueira dende os tempos do Seminario de Estudos Galegos. Del Riego aborda a personalidade do profesor destacando a súa tarefa como investigador e difusor da cultura galega.
Persoeiros como o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, e outros como Xosé Ramón Barreiro Fernández, José García Velasco ou José Manuel Pita completan o retrato do que fora alcalde de Pontevedra e director do Museo Provincial. Todos eles analizan distintas facetas de Filgueira Valverde, como a súa situación no panorama cultural galego dende1936 ata 1996, ou a súa relación co Partido Galeguista.
A obra recolle outras contribucións como as de Mercedes Brea sobre a lírica galego-portuguesa, a de Xesús Alonso Montero sobre as claves para entender o discurso erudito e crítico de Figueira, ou a que aporta Carlos Villanueva en torno á música como fundamento de identidade na obra do polígrafo pontevedrés.
Ademais das ponencias do simposio, “Un século en Galicia” tamén compila imaxes das distintas obras, libros, documentos persoais, e as máis diversas pezas que conformaban a exposición. A mostra, englobada baixo o mesmo título que o libro e o Congreso, tivo lugar, hai uns meses, no Museo Provincial de Pontevedra. O material recollido procede do propio arquivo persoal do “vello mestre” e ofrece ampla información sobre o acontecer diario, político e cultural da Galicia do século XX.