DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu unha conferencia sobre a emigración a Arxentina

Unha ollada desde a historia á “quinta provincia galega”

Ofrecida por Ruy Farías, profesor da Universidad Nacional de San Martín de Bos Aires

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 27/10/2021

A emigración a Arxentina protagoniza un destacado capítulo na historia dos últimos séculos de Galicia. Ela foi tamén a protagonista este mércores na Facultade de Historia do campus de Ourense dunha conferencia ofrecida por Ruy Farías, historiador e profesor da Universidad Nacional de San Martín de Bos Aires. Ao longo da súa intervención, o relator explicou ao público asistente a cronoloxía e principais características deste fenómeno.

A conferencia levou por título A ‘quinta provincia’: dous séculos e medio de migracións e exilios galegos na Arxentina e estivo organizada pola Área de Historia de América da Universidade de Vigo. Na súa presentación, o coordinador da actividade o profesor da UVigo Xosé Ramón Campos, salientou que o relator, membro do Laboratorio de Investigación en Ciencias Humanas e do Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas, é tamén co-director da Cátedra Galicia-América, dedicada á cultura galega, e conta cunha dilatada traxectoria de investigación no eido da emigración galega en Arxentina, sendo autor de máis de 30 artigos nesta temática e autor e co-autor de varios libros. “O meu obxectivo nesta conferencia é ofrecer unha ollada de conxunto da presencia da emigración galega en Arxentina, principalmente durante os dous últimos séculos e medio, facendo unha cronoloxía da súa chegada, das causas polas que os galegos deixaron este país e dos sectores máis importantes da súa integración no territorio, é dicir, onde viviron, en que traballaron, con quen casaron, que tipo de institucións crearon, etc”, explicou o historiador antes da súa intervención.

Das cifras á cultura

“Arxentina historicamente é o destino máis importante da emigración galega a nivel mundial. Calcúlase que chegaron ao país entre 1857 e 1960 ao redor 1.100.000 galegos, dos cales 600.000 quedaron a vivir dun xeito definitivo”, explicou o relator na súa visita ao campus de Ourense. As razóns deste éxodo a América, apuntou, “teñen que ver con factores estruturais de Galicia e outros de Arxentina” pero tamén e de xeito moi importante “pola actuación das redes sociais que vinculaban a unha e outra orela do océano Atlántico”.

Xa no país de destino, en Arxentina, comentou Ruy Farías, as e os galegos emigrados “tiveron un asentamento moi importante, diría que hexemónico, na cidade de Bos Aires e a súa periferia, ao punto de que esta cidade foi a comezos do século XX a cidade galega máis grande do mundo, con diferenza”. No seu novo país de acollida, lembrou o historiador, as e os emigrantes “desenvolveron toda unha serie de actividades económicas que lles permitiron á meirande parte deles ter unha mobilidade social ascendente, nos termos dun campesiño ou mariñeiro galego da época”. Segundo explicou o relator, en Arxentina, as e os galegos formaron “un grupo dotado dunha identidade forte, importante”, subliñando o papel desta cohesión no contexto da inmediata posguerra civil española, concretamente na actividade cultural, onde, apuntou, o seu papel foi “moi importante de cara ao que é a cultura galega universal”. Deste xeito, Farías subliñou que “nos tempos no que o galego estaba prohibido na terra como lingua, como vehículo de expresión escrita, en Bos Aires publicáronse unha morea de libros e fundáronse moitas editoriais, sobre todo pola obra xigantesca de Luis Seoane”. Así, indicou como nese momento en Bos Aires “escribiuse todo un capítulo da cultura galega realmente moi importante, ata o punto de que, como di o profesor Xosé Alonso Montero, naqueles anos Bos Aires foi realmente a Atenas de Galicia”.