DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna Laura Santos é a co-directora dun documental dixital sobre as feiras en Galicia

Unha ollada interactiva a un mundo tradicional

O proxecto financiouse cunha bolsa do Colexio de Xornalistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/06/2018

“Un espazo como a feira non podía quedar nunha peza audiovisual tradicional”, sinala Laura Santos, alumna do máster en Dirección de Arte Publicitaria da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e directora, xunto a Jorge Vázquez, de Feira, un documental que se achega á realidade das tradicionais feiras que se desenvolven nas vilas e cidades de Galicia desde un formato interactivo. Premiado coa segunda bolsa Nacho Mirás, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, este proxecto viu á luz a través da rede, nun formato web que posibilita ao espectador “decidir por onde quere seguir o seu camiño virtual polas feiras do país”, visionando dunha forma non lineal as súas diferentes partes, ao tempo que achega, como sinala Santos, unha “potencialidade de crecemento” e de integración de novos contidos do paso do tempo.

“Entendíamos que a feira hai que vivila e a través do formato web podíamos crear unha atmosfera con todas as características salientables do que entendíamos como feira”, salientan os responsables dun proxecto que naceu do seu interese por afondar “no punto no que se atopan” na actualidade uns mercados que, sinala Santos, son tamén un “espazo de intercambio e convivencia”. Nese senso, os responsables do documental, ambos titulados en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña, inciden en as feiras non figuran habitualmente “na axenda informativa” a pesares de representar un espazo de intercambio comercial, social e cultural que constitúe “un elemento central da sociedade galega, especialmente no rural”. 

Diferentes visións en oito feiras

As feiras de Melide, Betanzos, Mondoñedo, Reigosa (A Pastoriza), Monterroso, Paiosaco (A Laracha), Moaña e Castrelo de Miño son os oito escenarios dun documental producido grazas á axuda do Colexio de Xornalistas, entre os meses de xullo e febreiro. Documental no que, sinala Santos, buscaban reflectir “ese cóctel” que se pode atopar nos postos dos diferentes mercados, marcado pola “convivencia do tradicional coas novas incorporacións”, a través das verbas das e dos feirantes. Así, o audiovisual recolle tanto testemuños que amosan que “lonxe quedan as feiras ateigadas de xente e os grandes mercados de gando”, pero tamén o “optimismo e alegría” de, por exemplo, “novos labregos emprendedores”; á vez que se detén tanto en grandes feiras como a de Santos en Monterroso ou as San Lucas de Mondoñedo, con outras recuperadas en pequenas localidades.  

Un formato “complicado”

Máis aló do seu potencial para medrar a través da “colaboración social” que faga posible a integración de novos contidos e da contribución a preservar nunha “memoria dixital” relatos “que antes ou despois desapareceran”, Santos recoñece tamén que a aposta por este formato interactivo fai “complicado” a súa difusión. “Aínda non hai moitos festivais que teñan categoría específica para presentalo e tampouco existen moitas iniciativas nas que poidamos amosalo tal e como existe”, sinala. “O certo é que todo o feedback que recibimos foi positivo, pero tamén é certo que o formato custa introducilo porque estamos acostumados a un consumo exprés e pérdese o de sentarse un anaco a explorar un contido”, engade a codirectora deste documental, que no presente curso optou por ampliar a súa formación achegándose “a outra rama profesional”, como é a publicidade nun mestrado que, recoñece, “amplía horizontes e alimenta a creatividade grazas ao ambiente que nos rodea na clase”.