DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría acolle un taller de iniciación ao deseño tridimensional

Unha ollada ás posibilidades didácticas da impresión 3D

De carácter práctico, o curso busca reflexionar sobre as opcións que ofrece na aula

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/09/2019

Achegar aos e ás participantes unhas primeiras nocións de deseño e impresión 3D e, ao mesmo tempo, explorar as posibilidades didácticas desta tecnoloxía son os dous eixos do curso Iniciación ao deseño e impresión 3D no ámbito educativo que nestas semanas se desenvolve na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría. “Hoxe en día os nenos viven coa tecnoloxía desde a infancia, polo que a idea é poder aproveitar ese atractivo que teñen e orientalas a unha aplicación didáctica”, salienta o enxeñeiro Luis Javier Alonso, responsable xunto con Diego Iglesias deste taller de 20 horas inserido no programa de obradoiros de novas tecnoloxías impulsado pola Vicerreitoría do campus.

Estruturado en catro sesións, o curso arrincou esta semana achegando aos e ás participantes unhas primeiras nocións sobre diferentes programas que poden empregarse para o deseño de pezas tridimensionais. “Empezamos desde cero, coa idea de que saiban como como facer modelos e deseñar as figuras e obxectos que lles interesen”, salienta Alonso deste taller “eminentemente práctico”. Con esa idea, as primeiras sesións centráronse en diferentes tipos de software, tanto para ordenadores como para tabletas, para, xa a vindeira semana, iniciarse tamén “na arquitectura das impresoras e na impresión dalgunha peza”, así como nos propios “erros de impresión” máis habituais.

Que usos podería dárselle na aula?

Esta introdución no manexo destes recursos vese complementada coa exploración das posibilidades prácticas que o deseño de obxectos tridimensionais pode ter no eido da educación. “É unha tecnoloxía que vai ser parte das nosas vidas nun momento dado, de feito as impresoras están evolucionando, son cada vez máis especializadas e teñen cada vez máis funcións”, salienta Alonso que incide en que, máis aló, da impresión en si, da xeración de obxectos, o interese didáctico deste recurso pasa por afondar nas diferentes aplicacións que poden ter os programas de deseño 3D. “Non deixan de ser como un lapis e unha goma de borrar”, salienta este representante do Centro Galego de Robótica Educativa, que salienta que deseñar “un cubo ou un icosaedro, obriga a ter en conta as dimensións que teño que dar a ese elemento para que sexa coherente ou saber que é un poliedro. Nese senso, o responsable do obradoiro pon de relevo as múltiples aplicacións que poderían dárselle ao deseño 3D “nas chamadas materias STEM”, pero tamén as posibilidades que poden ter noutros ámbitos, “como en educación infantil, onde poden servir para aprender formas ou cores”.

Do mesmo xeito, tendo en conta que parte dos e as asistentes “non van a ser só usuarios, senón que nalgún momento serán tamén profesores”, os responsables deste obradoiro buscaron enfocar ás sesións cara a idea “de que nun momento dado poidan eles ensinar a outros o manexo cando menos das aplicacións básicas”. Nese senso, Alonso salienta que na actualidade existen aplicacións de deseño 3D “moi sinxelas, pensadas mesmo para unha idade infantil”, motivo polo que á vez que achegaba aos e ás asistentes ao seu manexo, buscou tamén amosarlles como “moitas destas aplicacións, teñen ademais dos accesos de usuarios un acceso para docentes e pódense utilizar nas aulas”.