DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Historia acolleu este martes unhas xornadas centrada nestes períodos

Unha ollada á Prehistoria e á Antigüidade feita por novas e novos investigadores

Estiveron organizadas pola súa delegación de alumnos e alumnas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/11/2018

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da oitava edición das Xornadas de Novos Investigadores, organizadas pola súa Delegación de Alumnos e Alumnas co apoio do centro. Unha vez máis, novos e novas investigadores procedentes de universidades estatais reuníronse para visibilizar os seus primeiros traballos, compartir coñecementos e inquedanzas e dar pulo á investigación feita polas novas xeracións. Nesta ocasión, os temas abordados centráronse na vida cotiá na Prehistoria e na Antigüidade.

A xornada, aberta a todas as persoas interesadas, contaron coa participación de investigadores e investigadoras como María Aidé e Nicolás Soriano, da Universidad Autónoma de Madrid; Carmen Casero e Antonio Pío, da Universidad de Jaén, e Borja Rey, da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa  inauguración, Susana Reboreda salientou o esforzo feito pola delegación de alumnos e alumnas do centro para desenvolver unhas xornadas que cada curso permiten aos novos investigadores e investigadoras dar a coñecer e compartir os seus traballos. Desde a Delegación de Alumnos e Alumnas destacaron pola súa banda o interese destas xornadas en canto permiten a investigadores e investigadoras compartir con iguales o traballo que están a desenvolver, ademais de coñecer investigacións feitas recentemente en diferentes áreas de estudo.

Dos incas a Roma

“A orixe da miña investigación está nun proxecto de grande escala sobre paisaxes fortificadas no deserto de Atacama que desenvolve o CSIC en colaboración con diversas entidades do estranxeiro. En concreto, a parte que a min me correspondeu consistiu na revisión da cronoloxía da conquista incaica na rexión do Alto Loa (Chile) en base a unha serie de datacións radiocarbónicas, termoluminiscentes e Uranio-Thorio que foron tomadas sobre mostras procedentes de terreos de cultivo asociados ás redes de irrigación de dous asentamentos fortificados”, explicou o investigador Borja Rey sobre a súa conferencia. Así, detallou este mestre, o seu traballo partiu da revisión da bibliografía existente para establecer unha serie de hipóteses que puñan en cuestión as cronoloxías tradicionalmente asumidas para o imperio inca na zona de estudo. “Seguidamente, esas hipóteses contrastáronse a través de varios métodos estatísticos resultando confirmadas cunha certeza bastante elevada”, comenta o historiador.

Nicolás Soriano ofreceu pola súa banda a conferencia Dies nuptiae. A posición da muller no matrimonio a través dos rituais do calendario romano. Nela, o relator realizou unha aproximación ao rol e imaxe da muller no matrimonio romano a través de diferentes cerimonias do calendario e mediante o estudo de textos clásicos e epigráficos. A orixe desta investigación, detallou o investigador que actualmente está na etapa de doutoramento, atópase nos traballos e documentación realizados e examinados no marco do Mestrado en Historia e Ciencias da Antigüidade da Universidade Complutense e Universidade Autónoma de Madrid, “no que realicei unha primeira aproximación a diferentes ámbitos rituais en relación coa muller de época romana, como oficiante e receptora destas cerimonias”.

Outras temáticas abordadas ao longo da xornada foron os ludi scaenici nas provincias romanas de Occidente, concretamente o caso de Hispania no século primeiro antes e despois de Cristo; a cidade, institucións e relacións exteriores na Cartago Arcaica e a ritualidade feminina en Almarejo.