DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes da EE Forestal coñeceron a axenda para o sector que a Xunta elaborou xunto coa escola

Unha ollada ás rutas de futuro da industria da madeira para conmemorar a Semana Europea dos Bosques

No marco dunha visita a un serradoiro na que participou o conselleiro Francisco Conde

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Visitas
DUVI Pontevedra 05/11/2019

Mellorar o capital humano do sector a través da súa formación, impulsar un ecosistema de innovación, promover a cooperación e xerar unha maior competitividade, así como a diversificación dos produtos. Estas son as catro rutas nas que se insiren as diferentes accións que reúne a Axenda para o Impulso da Industria Forestal que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) elaborou en colaboración con este centro do campus pontevedrés. Unha axenda que o alumnado deste centro puido coñecer este martes na actividade que a escola promoveu con motivo da celebración da Semana Europea dos Bosques e que levou a un grupo de estudantes a visitar as instalacións do serradoiro Maderas Hernando Castro, de Ponteareas, acompañados polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o director de Xera, Ignacio Lema.

“Dentro da Semana Forestal Europea, tiñamos previsto facer unha xornada de orientación para falar de onde están hoxe os nosos egresados e como o responsable técnico da empresa, Abel Castro, foi estudante noso, decidimos ir nós alí”, explica o director da EE Forestal, Juan Picos, dunha actividade que en primeiro termo buscaba abordar co alumnado "o papel dos enxeñeiros forestais na modernización dos serradoiros en Galicia”. Inserida nas actividades conmemorativas da Semana Europea dos Bosques referenciadas pola FAO, a Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas, esta iniciativa abriuse cunha visita ás instalacións da empresa e completouse cunha presentación da axenda para o impulso da industria por parte de Lema, Picos e Castro.

Os camiños para un sector que representa o 2% do PIB

Partindo do gran potencial que posúe Galicia no eido forestal e o impacto directo na economía dun sector que emprega a preto de 80.000 familias e representa o 2% do PIB autonómico, a axenda que Xera elaborou en colaboración coa EE Forestal preséntase como unha folla de ruta deseñada conxuntamente entre a administración e os actores protagonistas para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade. Segundo apuntou a administración autonómica na presentación deste documento en setembro, a execución das medidas inseridas nesta axenda suporá a mobilización de 125 millóns de euros ata 2021 con dous obxectivos, lograr un aumento do 6% na facturación da industria e contribuír á xeración de empregos directos e indirectos, ata alcanzar os 21.000. Responsable de coordinar, xunto cos técnicos de Xera, as consultas ao sector e a redacción do documento, Juan Picos explica que as accións propostas agrúpanse en catro “rutas de mellora”, termo empregado para pór de relevo “que este é un camiño que non acaba”. 

Concretamente, a axenda fixa unha primeira ruta arredor da innovación, mentres que nun segundo bloque reúnense medidas para promover un “ecosistema de innovación" ao servizo dun sector integrado principalmente por pequenas e medianas empresas das áreas rurais. Unha terceira ruta pon o foco na necesidade de fomentar a cooperación entre empresas, entidades e outros axentes de innovación, así como de pór en valor a importancia deste sector e o que pode achegar á bioeconomía. Por último, outra serie de medidas agrúpanse en torno á “competitividade, desenvolvemento e diversificación” dos seus produtos. Trátase, sinala Picos, “dunha reflexión compartida co sector” que busca conxugar as demandas da industria e as que derivan da propia sociedade, tendo en conta, nese senso, que se trata dunha industria que pode contribuír á xeración de produtos renovables e reducir o uso de combustibles fósiles, así como á xeración de emprego en áreas rurais. 

Á actividade desta xornada, a EE Forestal prevé sumar novas visitas a empresas ao longo desta semana. Do mesmo xeito, Picos e o director do grupo de investigación AF-4, Enrique Valero, son os protagonistas de dous dos vídeos que nestes días difunde a federación de serradoiros e rematantes Fearmaga e que, coincidindo co lema da semana, os bosques e economía circular, poñen de relevo o importante papel dos bosques, a madeira e os produtos derivados desta no impulso da bioeconomía e da economía circular.