DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo realizado desde a Facultade de Dereito pola profesora Mónica Siota afonda nesta cuestión

Unha ollada xurídica ás diferentes fórmulas de pago pola subministración municipal de auga

A investigadora analizou as consecuencias entre establecer taxas ou tarifas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 22/05/2017

As entidades locais, explica Mónica Siota, profesora da Facultade de Dereito do campus de Ourense, poden custear o servizo público de abastecemento domiciliario de auga mediante o establecemento dunha taxa ou dunha tarifa. A elección dun ou outro sistema de financiamento determinará diferenzas significativas no réxime xurídico da contraprestación que pague o usuario dese servizo. Atendendo á importancia desta elección e tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, a investigadora da área de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo, vén de desenvolver un proxecto de investigación centrado nesta cuestión.

O estudo, titulado Natureza e efectos xurídicos da contraprestación económica satisfeita pola subministración municipal de auga, estivo financiado pola convocatoria da Vicerreitoría do Campus de Ourense Inou 2016, de axudas a grupos de investigación que conta co financiamento da Deputación Provincial de Ourense. Os obxectivos da investigación, na que tamén participou o profesor titular Roberto Ignacio Fernández, foron examinar o marco normativo que regula esta prestación; facer unha análise da natureza xurídica da contraprestación pública que se esixe pola prestación de dito servizo e determinar o réxime xurídico de dita contraprestación en función da súa natureza xurídica. “Faise necesario realizar un estudo que permita determinar non só cal é a verdadeira natureza xurídica da contraprestación que os destinatarios do servizo de abastecemento de auga satisfán senón tamén os efectos xurídicos que se derivan da devandita natureza”, sinala Mónica Siota.

Dúas fórmulas con puntos converxentes e diverxentes

A profesora contratada doutora da Universidade de Vigo explica como “unha das cuestións máis debatidas e controvertidas no ámbito do dereito tributario local nos últimos anos foi, e é, a natureza xurídica da contraprestación que os destinatarios do servizo de abastecemento de augas teñen que satisfacer na súa condición de usuarios ou perceptores do mesmo”. O debate xurídico, apunta, oscilou e oscila entre considerar ás devanditas contraprestacións como taxas (e por tanto como tributos), ou como tarifas (prezos privados intervidos ou autorizados pola administración). “As consecuencias xurídicas que dunha ou outra cualificación se derivan son de gran relevancia”, recalca. Estas consecuencias, aclara, poden afectar desde ao propio custo do servizo, xa que no caso de que se cualifique de taxa a contraprestación non podería superar o custo do servizo mentres que se é cualificada como tarifa ou prezo privado a contraprestación equivalería como mínimo ao custo do servizo; á posibilidade ou non de cortar a subministración en caso de falta de pagamento e tamén á posible utilización ou non da vía executiva para esixir o cobro da contraprestación.

Esta disxuntiva, apunta a investigadora, ten á súa vez reflexo nas ordenanzas fiscais da maioría de concellos españois. Así, indica, “aínda que as entidades locais do noso país viñan dispoñendo tradicionalmente de varias alternativas para financiar os seus servizos e actividades públicas e protexer o interese xeral (prezos privados, tarifas, prezos públicos e taxas) no caso desta contraprestación os concellos decantáronse, fundamentalmente, por estas dúas opcións, de regulalas como taxas ou considerar que son tarifas”.

No proxecto desenvolvido, os seus membros abordaron a análise de cada unha das dúas opcións, dos seus puntos diverxentes e converxentes. Deste xeito, sinalan, a elección dun ou outro sistema de financiamento determina diferenzas significativas no réxime xurídico da contraprestación que pague o usuario do servizo salvo polo que se refire a dous importantes aspectos: o seu sometemento ao principio de reserva de lei e a súa suxeición ao imposto de valor engadido. Segundo explican no estudo, “a reserva de lei establecida pola Constitución está presente tanto na ordenación xurídica das taxas, dada a súa consideración de tributos, como na ordenación daquelas prestacións patrimoniais que, sen revestir natureza tributaria, deben cualificarse como prestacións impostas”. Ademais, engaden, tanto se a contraprestación polo servizo público de abastecemento domiciliario de auga se configura como taxa ou como tarifa estaría suxeita ao IVE.