DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En dúas mesas redondas organizadas desde os centros de investigación Cintecx e Ecobas

Olladas en feminino á situación da muller na enxeñaría e nas ciencias sociais

Moderaron os debates as profesoras Concepción Paz Penín e Coral del Río

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 10/03/2023

As actividades de celebración do 8M, o Día Internacional da Muller, continuaron este venres na Universidade de Vigo e fixérono, nesta caso, coa celebración de dúas mesas redondas organizadas desde os centros de investigación Cintecx e Ecobas, charlas sobre igualdade, cada unha desde un ámbito: o da enxeñaría, por unha banda, e o das ciencias sociais, pola outra. En ambas se falou de mulleres, de mulleres e de ciencia, de mulleres e empresa, de mulleres e universidade... e para isto contouse coa participación de profesionais de moi distintos ámbitos, tanto do sector público como do privado.

75% de catedráticos fronte a un 25% de catedráticas no Cintecx

75% de catedráticos fronte a un 25% de catedráticas; 59% de profesores titulares fronte a un 41% de profesoras da mesma categoría; 72% da produción científica asinada por homes fronte a un 28% asinada por mulleres; 15 proxectos de investigación nacionais dirixidos por homes e 5 por mulleres; 13 teses de doutoramento defendidas, seis delas con autoría feminina... Estas son algunhas das cifras que pon sobre a mesa a análise de igualdade do ano 2022 do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais, e sobre as que se falou na mesa redonda Igualdade e análise con perspectiva de xénero no ámbito da enxeñaría, moderada pola directora do centro, Concepción Paz Penín, profesora da Área de Mecánica de Fluídos e membro do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética.

Falouse sobre representación de mulleres no ámbito profesional (nos comités de dirección de empresas, nos consellos de administración, nas TIC..); das mulleres na Universidade (alumnas de doutoramento, profesoras titulares, catedráticas...) e tamén da evolución da representación de mulleres no alumnado, botando unha ollada a como foi evolucionando a presenza feminina nas enxeñarías, ao rendemento académico que obteñen estas alumnas, á análise por graos... Para facelo contouse coa participación da investigadora do centro Ángeles Sanromán, catedrática do Departamento de Enxeñaría Química e investigadora principal do grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles da Universidade de Vigo; de Tarsila Pérez Rojo, xerente de produción eólica noroeste en Acciona Enerxía; de Janeth V. Lorenzo Bastidas, executiva de contas en Talgo, e de Paula Foriz Lareu, delegada do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Menor presenza feminina a medida que avanzan os estudos nas ciencias sociais

As actividades relacionadas coa celebración do 8M chegaron tamén ao centro de investigación Ecobas. Ao igual ca no Cintecx, organizouse unha mesa redonda, neste caso baixo o título 8M: Ciencia en feminino. Reflexión dende o mundo da economía e a empresa. Foi un encontro virtual no que se contou coa participación de Laura Hospido, economista do Banco de España e colaboradora externa de Ecobas, que afondou no tema das diferencias de xénero en coñecementos financeiros; de Ariadna Monje, da Universidade da Coruña, que se centrou nas cuestións relacionadas coa remuneración por sexo, plans de Igualdade e rexistro salarial, e de Isabel Neira, docente da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora de Ecobas, que se encargou de abordar o conflito traballo-familia, cargas familiares e efectos no teletraballo. Para moderar o debate contouse coa colaboración da catedrática da Universidade de Vigo Coral del Río, investigadora de Ecobas e quen exerceu como primeira directora da Unidade de Igualdade da UVigo.

Ao longo da charla as investigadoras, cada unha desde a súa propia experiencia, trataron o tema do que denominaron a ‘resiliencia feminina no eido da investigación’ e como a pesar de que nos primeiros anos da carreira no ámbito das ciencias sociais a porcentaxe de alumnado soe ser maioritariamente feminina, ao avanzar aos estudos de posgrao –máster e doutoramento-, a porcentaxe diminúe e o alumnado acaba sendo, segundo explicaron, maioritariamente masculino, algo se prolonga despois ao ámbito laboral.