DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación do curso 2018/2019 arranca este mes

Once andainas para celebrar 20 anos de rutas culturais

Entre as novidades están itinerarios polo río Paiva, en Portugal, e polo Camiño dos Faros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/10/2018

O vindeiro sábado 20 de outubro a programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, bota a andar. Serán en total once andainas pola xeografía galega e lusa entre as que destacan un percorrido polas pasarelas do río Paiva, en Portugal, e unha etapa do Camiño dos Faros. A edición deste ano é ademais especial para a organización pois celébranse 20 anos da posta en marcha destes roteiros culturais universitarios.

Pioneiros no sendeirismo galego

A primeira andaina, lembra José García-Calvo, Willy, coordinador desde o campus de Ourense das rutas universitarias, tivo lugar no curso 1998/1999, cando se decidiu facer parte do Camiño de Santiago coincidindo coa celebración do Xacobeo e se organizou unha programación de oito roteiros que tiñan como obxectivo preparar á xente para ese reto. “No seu momento, estamos falando de hai 20 anos, foi moi novidoso pór en marcha esta programación. Fomos pioneiros no desenvolvemento das andainas en Galicia”, comenta García-Calvo. Salientando como a “continuidade e a fidelidade” tanto da institución académica como das e dos usuarios é o que ten permitido chegar a este aniversario, o coordinador das rutas salienta como a clave do seu éxito é o feito de que “non se trata só de sendeirismo, de andar por andar. Nas rutas culturais temos un obxectivo cultural claro”.

“As rutas culturais son unha das actividades máis importantes da nosa programación porque conxugan moitas das cousas que desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte queremos pór en valor”, recalca pola súa banda Rodrigo Alberte Pivida, responsable desta área no campus de Ourense. Así, destaca como as andainas mesturan exercicio, saúde e benestar, permitindo entre outras cousas a conexión coa natureza e coa cultura. Tamén subliña como fomentan a convivencia de persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo e tamén de membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela de diferentes idades e procedencias. “Durante estes 20 anos as rutas culturais percorreron Galicia e a súa contorna levando alí a onde chegaron a Universidade de Vigo e sendo en boa parte responsables do auxe do sendeirismo na comunidade autónoma”, apunta Alberte Pivida.

Catro opcións para 2018

Sobre a programación deste curso académico, desde a organización subliñan como unha vez máis se aposta pola renovación de propostas, sendo as “estrelas” desta edición percorridos polas pasarelas do río Paiva, en Portugal, e unha etapa do Camiño dos Faros. A actividade arrancará o día 20 de outubro cunha ruta que baixo o lema "historia e saúde" se desenvolverá por Baños de Molgas, en Ourense, co obxectivo de coñecer tanto o seu patrimonio, como o castro de Acea e a capela de Santa Eufemia, como seu o balneario. Tras este inicio, as andainas continuarán en novembro cun percorrido por Meis, en Pontevedra, no que o protagonista será a “auga e a pedra”, e outro por Castro Caldelas, en Ourense, centrado no “viño e a paisaxe”, incluíndo unha degustación nunha adega da Ribeira Sacra. Para rematar 2018, a cuarta ruta cultural, que conta coa colaboración da Asociación Micolóxica Os Cogordos, estará vinculada co magosto e a micoloxía cun percorrido por Nogueira de Ramuín que permitirá ás e aos participantes tanto aprender do mundo dos cogomelos como degustar produtos do outono.

Moitas novidades para 2019

Durante 2019 serán sete as rutas culturais que se celebrarán. A primeira delas terá lugar o 12 de xaneiro co título Fortalezas do Baixo Miño (Pontevedra) e nela as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer as singulares construcións fronteirizas da zona, como o forte de Lovelhe e a fortaleza de Goián, así como realizar unha actividade de observación de aves na contorna do esteiro do Miño, considerada unha das zonas húmidas máis importantes da península pola confluencia dos ecosistemas fluvial e marítimo.

Tras este inicio desenvolverase un ciclo de montaña composto por dúas propostas, un percorrido pola Serra do Faro, en Lugo, e outro por Castro Laboreiro, en Portugal. Sobre o primeiro deles, desde a organización sinalan como seguirá parte do percorrido que fixeron Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben Cho Sei a San Andrés de Teixido. Ao ciclo de montaña seguiralle un que baixo o lema “da montaña ao mar”, levará aos participantes a Fornelos, en Pontevedra, para coñecer o patrimonio etnográfico asociado ao río Barragán e á súa fraga; a facer a ruta de quilometros de pasarelas polo río Paiva, en Aveiro, Portugal, e a facer o tramo de Laxe do Camiño dos Faros que percorre a Costa da Morte.

Como peche ás rutas culturais 2018/2019, os días 4 e 5 de maio celebrarase unha fin de semana de sendeirismo e natureza que nesta ocasión terá como escenario a Reserva da Biosfera de Allariz, en Ourense. A actividade inclúe aloxamento e manutención durante unha fin de semana chea de actividades coas que coñecer este enclave, desde andainas ata visita a museos.

Inscrición

A inscrición en liña en cada andaina pode facerse desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior para a comunidade universitaria e dende o martes ao xoves antes da ruta para as persoas alleas á comunidade universitaria. O prezo varía en función do tipo de usuario, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus da Universidade de Vigo. Respecto á matrícula, José García-Calvo salienta como “este curso o noso obxectivo será fomentar a participación do alumnado”.