DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de BBAA Alberto Ruiz de Samaniego reflexiona sobre o negativo en ‘Alegrías de nada'

Once ensaios sobre a negación, a anulación e a aniquilación

O libro reúne textos de diferentes épocas sobre arte ou literatura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/02/2019

Reflexións sobre a “dimensión plástica” da destrución e sobre como esta se reflicte nas obras de pintores como o romántico John Martin, sobre os sacrificios nas culturas precolombinas mexicanas ou sobre o campo de concentración e exterminio sobre Auschiwtz, pasando pola análise da “negación da representación” na pintura de Malévich ata chegar á “negación do eu” que implicaban os heterónimos que o poeta lisboeta Fernando Pessoa foi creando ao longo da súa vida. A negación, a anulación, a nada, a destrución e  aniquilación constitúen os fíos que entrelazan os once ensaios, de diferentes épocas e procedencias, que o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego reúne no seu libro Alegrías de nada.

Publicado pola editorial Athenaica, na súa colección de filosofía e estética, Alegrías de nada. Ensayos sobre algunas estéticas de la anulación reúne esta serie de textos baixo un título, recoñece o docente, crítico e ensaísta, “voluntariamente ambiguo”, que alude tanto ás “pequenas, ou pírricas, alegrías que nos dá pensar a nada”, como ao feito de que as cuestións que aborda nesta publicación “non están para alegrías en absoluto”. Non en van, trátase dunha serie de textos, entre eles ensaios de hai máis de 20 anos, vinculados por unha “constelación de preocupacións e obsesións que teñen que ver co negativo” e que “dalgún modo, permítennos trazar unha deriva do espírito da modernidade mesma”, recoñece Ruiz de Samaniego, quen incide en que, “en occidente, todos os grandes movementos culturais ou socioculturais nos últimos 200 anos teñen en boa medida un carácter apocalíptico” e sitúa na Revolución Francesa o inicio dese “espírito destrutivo que, por usar unha expresión de Walter Benjamin, anoa nun mesmo pregue a destrución e a vontade de utopía”. 

Sacrificios

“O estudo, desde diferentes perspectivas da idea de sacrificio” constitúe o nexo de unión entre os seis textos do primeiro bloque de Alegrías de nada, que abre un ensaio sobre a “idea de ausencia” que parte do poeta Sthéphane Mallarmé e o artista Marchel Duchamp, para logo deterse, en Los hijos del desierto, na Viena de finais do século XIX, “onde se xesta a modernidade do século XX” e que é resultado, explica, dunha “crise moi fonda da linguaxe e das formas de representación”. O xurdimento na arte do “concepto da paisaxe” e como este leva a unha “tensión entre o individuo e a inmensidade” á vez que simboliza a atracción polo abismo centra outro dos capítulos dun libro no que Ruiz de Samaniego tamén olla cara a composición 4,33’ de John Cage como “un dos piares destas estéticas da destrución”, xa que se trataba unha peza na que o músico permanecía diante do piano “sen interpretar absolutamente nada” durante estes catro minutos e 33 segundos. 

Tomando como punto de partida as pinturas do galego Xesús Vázquez, Ruiz de Samaniego aborda neste primeiro bloque as figuras das “vítimas e os vitimarios” da destrución en Ver a la Gorgona, escrito centrado no campo de exterminio nazi de Auschiwtz. Este apartado recolle tamén un ensaio sobre os sacrificios nas culturas precolombinas, que, apunta, constitúe “un estudo ontolóxico sobre o que significa o sacrificio, sobre como no orixe de toda cultura hai un rito sacrificial fundador”. 

Destrucións e anulacións

Destrucciones, anulaciones é o título do segundo bloque do libro, que o autor centra en tres artistas plásticos, no “gran pintor da apocalipse” John Martin e en como a súa obra “focalízase no espectáculo da destrución”; no alemán Caspar David Friedrich, un dos máximos expoñentes do Romanticismo e en como a súa pintura achega “un canto de fusión coa paisaxe onde o suxeito non ten potencia”; e no ruso Malévich, impulsor do suprematismo, un movemento que “simboliza a superación de 1000 anos de pintura en favor dunha nova orde”.

A “vontade redentora” que Ruiz de Samaniego atopa nestas figuras non está presente xa nos escritores que protagonizan o terceiro bloque, Anulaciones. Neste, o docente e ensaísta recupera “un texto bastante descoñecido de carácter utópico” do marqués de Sade, no que este retrata “unha forma de vida casi perfecta”, pero “cun espírito negativo como pano de fondo”. Nun segundo ensaio, sobre Fernando Pessoa, afonda na “autoliquidación” que implicaban os nomes de máis de 70 autores imaxinarios cos que o poeta foi asinando parte da súa produción literaria e que levan, como sinala Ruiz de Samaniego un debate sobre  “como unha personalidade tan poderosa se baleira a si mesmo para dar acollida a un montón de fantasmas propios”.