DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Julián Valero falou sobre esta cuestión no campus

Onde quedan as garantías xurídicas ante a transformación dixital do sector público?

Con esta intervención pechouse o Curso de Actualización Xurídica 2018-2019 de Dereito

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • TIC
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 24/05/2019

Onde quedan as garantías xurídicas ante a transformación dixital do sector público? Para dar resposta a esta pregunta a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia de Julián Valero, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de Murcia. Nela, o experto afondou en como “hai unha tensión latente entre a maior eficacia que posibilita a tecnoloxía e os dereitos dos cidadáns” e na necesidade dunha actualización do dereito administrativo ante esta transformación.  

A necesidade dunha reformulación

No acto, o relator estivo acompañado por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, e Roberto Bustillo, profesor deste centro. Na súa conferencia, Julián Valero analizou como a tecnoloxía obriga ao dereito, e en concreto ás garantías xurídicas, a reformularse ante a transformación dixital. “Trátase de garantir a efectividade das previsións normativas no contexto actual de transformación tecnolóxica que estamos vivindo en todos os ámbitos da sociedade”, afirmou o catedrático. Durante a súa conferencia, á que asistiron Ana Garriga, delegada de Protección de Datos da Universidade de Vigo, e Alma M. Gómez, directora da Área de Administración Electrónica desta institución académica, o experto achegouse ás últimas novidades lexislativas en dereito administrativo nesta materia, explicou iniciativas se están pondo en marcha á hora de modernizar ás administracións públicas, achegouse á resposta que se leva dado desde o punto de vista do dereito a esta revolución e expuxo cales son os desafíos que para o futuro supón a implantación de ferramentas tales como a intelixencia artificial ou a cadea de bloques.

Segundo explicou Julián Valero na súa visita ao campus de Ourense, a resposta legal que se dá desde o dereito administrativo á transformación dixital é do ano 2015, “que podemos pensar que é relativamente recente pero que se basea nun modelo de xestión administrativa do século pasado” que “debe reformularse á luz da innovación tecnolóxica”. Como exemplo da tensión existente entre innovación e garantías xurídicas, Valero explicou como a lei establece o dereito do cidadán de non presentar ante a administración documentos que xa obran no seu poder. “A nivel legal está resolto pero na práctica hai unha serie de disfuncións organizativas”, sinalou facendo referencia a cuestións como o dereito á privacidade ou o xeito de cada administración de permitir que outras administracións accedan ás súas bases de datos. Outro exemplo exposto por este experto foi do ámbito da intelixencia artificial, de como mediante sistemas automatizados e datos conseguidos a través de teléfonos móbiles persoais, se poden obter inxentes cantidades de datos que poden servir logo para tomar de decisións en temas como políticas públicas de transportes ou sanitarias.  

Peche de curso   

Con esta intervención pechouse o Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 desta facultade, que ao longo do curso permitiu a alumnado e profesorado do centro actualizar coñecementos en temas de actualidade e transversais a través de conferencias de especialistas en diferentes materiais. Foron en total sete conferencias doutros tantos expertos e expertas destinadas a continuar avanzando na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e fomentar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade, entre outros aspectos.