DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documental 'Donde acaba la memoria' de Pablo Romero estrearase en Vigo o 3 de setembro

Onde remata a memoria e empeza a historia de Ian Gibson

A película que abrirá Cans, constrúe o retrato do hispanista e detective literario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/07/2021

“Hai unha cita que di que a historia comeza onde acaba a memoria da última xeración viva, e Ian Gibson é aí onde traballa, nun lugar onde conflúen os mitos, as lendas, a memoria da xente que vai entrevistando, que son memorias mediatizadas polo seus recordos, son historias con minúscula, individuais e subxectivas, e Ian ten, ou autoimponse, a tarefa de convertelas en historias con maiúscula”. Neste razoamento sustenta Pablo Romero a decisión de titular Donde acaba la memoria o seu documental, no que de Las Hurdes a Granada, pasando pola Residencia de Estudantes, reconstrúe medio século de traballo do hispanista e biógrafo irlandés Ian Gibson. 

A película, que abrirá o 2 de setembro o Festival de Cans, e ao día seguinte se proxectará no Cine Salesianos de Vigo ás 20.30 horas, seguida en ambos casos dun coloquio con Gibson e Romero, é a culminación de nove anos de traballo, que ten o seu inicio no festival de cine español de Londres, onde o docente e investigador da UVigo exercía como intérprete para directores e actores. Na capital británica, Romero coñeceu ao director Mike Dibb, amigo de Gibson, e autor de varios documentais sobre traballos do hispanista centrados en Lorca e Dalí. “Nese momento Dibb, estaba intentando conseguir financiamento para o documental de Buñuel e pechar así triloxía. Mike fora ao festival para atopar a Pedro Almodovar e pedirlle cartos. Pero non estaba Almodovar e atopoume a min”, rememora Romero, que acabou por sumarse ao proxecto por invitación de Dibb, primeiro como montador e posteriormente como director.

Un espello detrás de Gibson e a voz do enterrador de Lorca

Donde acaba la memoria marca o final dunha longa viaxe de 50 anos para Ian Gibson, iniciada cando abandonou Irlanda e viaxou a Granada para escribir unha tese sobre Federico García Lorca e que continuaría durante décadas cos seus traballos sobre as miles de persoas asasinadas polo réxime de Franco, e tamén sobre o director Luis Buñuel e o pintor Salvador Dalí. “Ian desde o principio, como di na película, non quere que ninguén faga unha biografía del. Ante unha persoa así non podemos facer un documental ao uso porque nunca nos deixaría. Non podemos poñerlle un espello diante, o único que podemos facer é poñelo detrás, seguir os seus pasos”, explica Romero sobre o seu documental, que tamén é o produto final da súa investigación como Ramón y Cajal, centrada na tradución e accesibilidade para persoas xordas e cegas durante o proceso de elaboración dos traballos audiovisuais, denominado accesible filmmaking ou cinematrografía accesible.

En Las Hurdes, onde Luis Buñuel fixo Tierra sin pan, “entendemos quen era o director cando fixo esa película e veremos a Gibson investigando, emprendendo a aventura, escalando un precipicio para chegar a un lugar onde estivo Buñuel, xogándose a vida”, detalla o investigador do grupo GALMA da Facultade de Filoloxía e Tradución. Logo de pasar pola Residencia de Estudantes, lugar no que Lorca, Dali e Buñuel se coñeceron, e onde no documental se entrevista ao realizador Carlos Saura, a película recala en Granada, a cidade na que todo comezou hai 65 anos para Gibson e “onde remata todo tamén. E alí nos amosa o que el chama ‘a súa tumba’, que é unha biblioteca na que reuniu todos os libros que foi adquirindo, investigando e escribindo durante anos”, explica Romero. E é precisamente nesta ‘tumba’ onde se atopa unha gravación de hai moitas décadas na que Ian conseguiu clandestinamente falar coa persoa que enterrou a Lorca. "Iso non se escoitara antes, entón escoitamos esa voz que nos di exactamente onde se enterrou ao poeta e como, e alí estamos con Ian que non dá atopado iso, ou o permiso para escavar onde el sabe que está o Lorca. E así seguimos, seguimos a Ian que segue camiñando nesa busca case eterna por atopar a Lorca, como símbolo de reconciliación pero tamén para rematar esta historia”, detalla Pablo Romero.

O detective literario

Logo de nove anos de traballo con Gibson, nos que non faltaron os sobresaltos, como o roubo do ordenador no que Romero gardaba a montaxe que durante seis meses realizara de 55 horas de rodaxe en Las Hurdes, o docente da UVigo considera ao hispanista ademais de “un bo amigo”, un detective literario. Con esta definición alude Romero á enorme dedicación e rigor co que o hispanista desenvolve o seu traballo, asegurando que, ademais de produtivo, Gibson é un autor obsesivo, “co bo e malo que iso supón tamén”, ata o punto de ser quen de pasar unha semana buscando un dato para unha nota a pé dun libro de 1000 páxinas. “Nunha época na que todo é para hoxe, as comunicacións son tan instantáneas, na que os gustos cambian tan rapidamente… ver unha persoa que dedica toda a súa vida a algo, a min paréceme fascinante”, asegura o director. 

Logo súa estrea en Cans e en Vigo, Donde acaba la memoria proxectarase no Festival internacional de Ourense o 24 de setembro e o 4 de outubro chegará á Cineteca de Madrid cun pase para público e prensa, seguido dun coloquio con Romero e Gibson.