Realizadas nun proxecto de aprendizaxe-servizo, poderán verse en Pontevedra e A Coruña
A ONG Educo leva aos autobuses urbanos as campañas sobre violencia contra a infancia do alumnado da Facultade de Comunicación
En conxunto, deseñaron oito propostas dirixidas a diferentes públicos
Concienciar á cidadanía da importancia do bo trato e protección á infancia, así como das diferentes formas de violencia que sofren as e os menores de idade. Estes son os obxectivos das campañas de sensibilización deseñadas por estudantes da Facultade de Comunicación, no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS), que desenvolven xunto con Educo, unha ONG que centra o seu labor na defensa dos dereitos da infancia. Divididos en diferentes grupos, os alumnos e alumnas do Grao en Publicidade e Relacións Públicas deseñaron oito campañas de sensibilización, orientadas a alumnado e profesorado de primaria e de secundaria, á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. Entre elas, as propostas que a partir deste domingo 22 poderán verse nos autobuses urbanos de Pontevedra e A Coruña e que poñen o foco na importancia de escoitar activamente a nenos e nenas para facer fronte, explican, a unha “tarefa pendente da sociedade”, como é a necesidade de “garantir espazos seguros para a infancia”.
Desenvolvidas no marco da súa formación na materia Relacións públicas e comunicación solidaria, que imparten Xosé Baamonde e Susana Bastón, os oito proxectos foron presentados este martes polas alumnas Irene Rouco e Ivanna Hampshire, nun acto que contou coa participación da delegada territorial de Educo, Mónica Viqueira, e do vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez. “A violencia contra a infancia é unha problemática que nos preocupa moito como entidade e que, en distintos niveis e con distintas formas, está presente nos 18 países nos que traballamos”, sinalou Viqueira, quen puxo o foco en como “nos últimos tempos vemos como están repuntando casos de violencia” como o acoso escolar ou a violencia sexual. A responsable de Educo destacou o positivo de traballar, nese obxectivo de "tratar de previr a violencia", xunto co alumnado universitario, que "achéganos novas ideas e perspectivas, mentres que Pérez subliñou que proxectos como este ApS “poñen o alumnado en contacto coa realidade”, enfrontándoos a un “traballo colaborativo e real”.
Promover unha “cidadanía activa” na defensa da infancia
Ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global da Dirección Xeral de Relacións Exteriores coa UE, Educo desenvolve o proxecto A protección na infancia dende a mirada da Axenda 2030. Unha ollada ao Sur (global) e ao ApS como camiño á transformación social, que ten como obxectivo contribuír ao impulso dunha cidadanía “crítica e activa na defensa do dereito á protección da infancia”, a través dun conxunto de iniciativas, como este ApS, seleccionado na convocatoria de aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Extensión Universitaria.
“O proxecto ao que pertence esta acción busca principalmente chegar a distintos perfís da poboación, para traballar na prevención e sensibilización fronte á violencia”, sinalou Viquiera. Partindo da idea de que nenas, nenos e adolescentes adoecen de falta de concienciación e da formación adecuada para recoñecer e prever situacións de violencia, este proxecto busca tanto formar e sensibilizar ás e aos menores de idade e os seus educadores e educadoras, a través dunha serie de recursos como as campañas presentadas nesta xornada, que o alumnado foi desenvolvendo, co asesoramento de técnicos de Educo. De feito, o proxecto arrancou cunha sesión formativa a cargo de Laura Álvarez e Ramón Ferreño sobre a protección da infancia e os diferentes tipos de violencia, tras a que iniciaron, divididos en grupos, o deseño de oito propostas, dúas para cada un dos públicos obxectivos definidos no proxecto.
“Romper o silencio” ante unha problemática “oculta”
En representación destes oito grupos, Hampshire e Rouco presentaron nesta xornada as oito campañas realizadas para esta organización internacional de cooperación ao desenvolvemento. Entre elas, Infancia escoitada, infancia protexida, que desde este domingo poderá verse nos autobuses urbanos de Pontevedra e que pon de relevo a importancia dunha “escoita activa” das e dos menores de idade. Este é tamén un dos eixes de Unha tarefa pendente, que poderá verse nos autobuses da Coruña e pon de relevo que “garantir espazos seguros para a infancia” é unha “tarefa pendente da sociedade”.
Outra das propostas, Rompe o silencio, ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria dunha “problemática que moitas veces permanece oculta”, con mensaxes como “oito de cada dez persoas non verán a campaña, porque non sofren violencia, e dúas de cada dez ignorarana porque sufrírona”. Orientada ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, outro dos proxectos busca sensibilizar sobre as necesidades emocionais de nenas e nenos, mentres que Todo comeza por educar ten como destinatario o profesorado e engloba propostas como a creación dun mural nos centros de ensino. Nesa mesma liña, Por min e por todos os meus compañeiros proxecta unha serie accións en Mondariz Balneario, como a colocación de mariolas nas principais rúas do municipio e unha xornada nun centro educativo.
Por outra banda, Xogando por unhas aulas seguras ten como obxectivo capacitar os monitores de tempo libre “para que poidan identificar situacións de risco e actuar de maneira efectiva”, con accións como “un trivial colectivo” na Illa do Covo. Finalmente, outra das propostas céntrase en concienciar tanto a nenas, nenos e adolescentes, como a poboación en xeral, do impacto emocional e psicolóxico do ciberbullying, a través dos carteis que permitirán ler en diferentes puntos de Pontevedra lemas como “unha mensaxe de odio pode ter impacto para toda a vida. Pensa antes de escribir”.