DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ‘júnior empresa’ de CCSS e da Comunicación Freshysweet busca novos integrantes

A oportunidade de ampliar a aprendizaxe facendo fronte a campañas reais

Realizan traballos de axencia de publicidade co obxectivo de mellorar a súa formación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/09/2019

Desde hai oito anos, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación conta cunha "axencia júnior de publicidade", Freshysweet, que desenvolve traballos de axencia de publicidade para diferentes clientes, destinando os ingresos xerados pola súa actividade á organización de actividades ou adquisición de equipamentos. Co obxectivo de sumar novos membros a unha iniciativa integrada unicamente por alumnos e alumnas, Freshysweet organizou na tarde deste martes un open call, un acto de selección de novos e novas integrantes, co que buscaba tanto dar a coñecer tanto a súa actividade como atopar novos responsables das súas áreas de relacións públicas, arte, fotografía e xestión de contas.

Segundo explica Víctor García, director de arte e tesoureiro de Freshysweet, o obxectivo desta actividade é en primeiro termo “dar a coñecer o que facemos, sobre todo para a xente que acaba de chegar á facultade”, labor ao que tamén contribuíu o posto informativo que dispuxeron nestes días no centro. A partires de aí, as e os asistentes participaron divididos en grupos nunha “proba grupal” dirixida a buscar novos integrantes para diferentes departamentos, nas que se lle propuña “o exemplo dunha campaña” co propósito de que formulasen ideas relacionadas coas áreas do seu interese nesta ‘júnior empresa’, que o pasado curso incorporou á súa actividade os departamentos de fotografía e produción audiovisual. De feito, explican, aínda que na actualidade está integrada por estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas, trátase dunha iniciativa aberta tamén a alumnado de titulacións como Comunicación Audiovisual ou Belas Artes.

Gañar visibilidade na facultade

Coa renovación a que cada curso obriga que os e as súas integrantes rematen os seus estudos, Freshysweet encara este novo curso obxectivo, en primeiro termo, “de mellorar a imaxe que agora mesmo ten na facultade, xa que pouca xente a coñece”, recoñece a súa presidenta, Noelia Chantrero. Por iso, explica, entre as propostas que agardan poder desenvolver nos próximos meses figuran “diferentes actividades para o alumnado, como talleres e charlas”, que se combinarán así mesmo cos traballos de axencia de publicidade. “Permítenos vivir unha experiencia real”, recoñece Víctor García da súa participación nunha iniciativa que lles outorga tamén a posibilidade de “ter un portfolio de traballos reais, que fixeches para unha empresa” no momento de dar o salto ao mundo laboral.

Nese senso, os seus responsables explican tamén que o diñeiro obtido por estas actividades “é todo para reinvestilo en Freshyseet” e nas súas campañas e actividades. Deste xeito, os traballos realizados o pasado curso permitiron á ‘júnior empresa’ dotarse de novos equipamentos, á vez que asistir ao congreso da industria publicitaria CdeC, en San Sebastián.