Os actos arrancarán o martes 4 de febreiro na sede campus da EEI
Organización Industrial celebra en 2025 40 anos nos que se formaron 2000 profesionais `verdadeiramente polivalentes’
Ao longo destes meses volverán ao centro egresados e egresadas que exercen en distintos sectores
A Escola de Enxeñería Industrial celebra este ano o 40 aniversario da primeira promoción da especialidade de Organización Industrial, 40 anos nos que se levan formado máis de 2000 profesionais “verdadeiramente polivalentes”, tal e como recalca o catedrático José Carlos Prado, quen lembra ben ese primeiro curso 1984/1985 no que se puxeron en marcha. Daquela contaban con seis estudantes, hoxe a taxa de ocupación sitúase no 116% -ofértanse 64 prazas e hai 74 persoas matriculadas-.
Para celebrar este aniversario estanse a organizar toda unha serie de actos, entre os que se inclúen unhas Xornadas Técnicas que volverán traer ás aulas da Escola de Enxeñería Industrial a quen foron alumnas e alumnos desta titulación e que agora son recoñecidos profesionais que exercen en distintos sectores. “Todos teñen en común que son enxeñeiros e enxeñeiras industriais da especialidade de Organización Industrial ou graduados en Enxeñaría de Organización Industrial da nosa escola”, subliña Prado, director do grupo de Enxeñaría de Organización.
“O balance destes 40 anos de formación é moi satisfactorio”, explica o docente, quen defende que neste tempo se contribuíu claramente “a dar a coñecer unha profesión descoñecida ata ese momento e que tanto ten contribuído a mellorar a competitividade das empresas e as organizacións”. Neste proceso, a clave foi “sen dúbida” a “gran materia prima coa que tivemos a sorte de contar ao longo destes anos: persoas traballadoras, innovadoras, ilusionadas...”.
No sector TIC, na moda, na función pública, na automoción...
Celebraranse en total cinco xornadas técnicas. A primeira será o martes 4 de febreiro, de 11.30 h a 13.30 h na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial e centrarase no perfil polivalente destes profesionais. “O enxeñeiro de organización é, dentro de todas as especialidades e títulos de calquera das enxeñarías o verdadeiro polivalente, grazas á formación impartida que inclúe materias básicas (matemáticas, física, debuxo...) coas tecnoloxías (automática, mecánica...) e os coñecementos de xestión de empresas (produción, marketing, finanzas...”, explica Prado.
Nesta primeira xornadas buscáronse como exemplos desta polivalencia persoas egresadas que levan a cabo o seu labor en actividades/sectores/empresas menos habituais ou máis descoñecidas, pero onde a enxeñaría de organización xoga un papel importante. Seguindo esta premisa contarase coa participación de Mara Sanmartín Carrera, responsable de Loxística no Hospital Ribera Povisa; Olaya Cea Fontela, responsable de Enxeñaría no Grupo Castrosúa; Ignacio Garmilla Mancho, Operations Manager & CSO en Optare Solutions, empresa líder no sector TIC; Millán Otero Dans, People Planning en Inditex; e Ana Mouriz Martínez, responsable de Desenvolvemento Local e Emprego no Concello de Vigo.
Actividades ata finais de ano
A seguinte xornada será xa no mes de marzo e levará por título Os mozos enxeñeiros de organización. A terceira celebrarase o 16 de setembro e centrarase no papel destes profesionais como emprendedores e ante as novas tecnoloxías; a cuarta, o 21 de outubro, analizará o seu labor nos postos de alta dirección, e a conferencia de clausura está prevista para o 21 de novembro.
“Con estas xornadas queremos agradecerlle ás empresas e ás organizacións, tanto pequenas como medianas e grandes, que apostaron polos nosos enxeñeiros de organización”, recalca Prado.