DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fallo fíxose público este martes

A organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense premia á xornalista Ana Romaní

O acto de entrega do galardón celebrarase na clausura da Miteu o día 11 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 30/04/2019

Desde o pasado 25 de abril o teatro é o protagonista da actividade cultural da cidade de Ourense coa celebración da XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Mentres continúa a programación nos escenarios da cidade, a organización da Miteu fixo público este martes que o premio que conceden en cada edición recaerá nesta ocasión na xornalista, escritora e académica Ana Romaní.

Segundo explican desde a mostra, o obxectivo deste galardón é distinguir a aquelas persoas que apoian a cultura, a formación e o teatro. “Ana Romaní sempre foi valedora da cultura galega e, desde onde estivo e está, sempre axudou a unha iniciativa como a Miteu. O seu Diario cultural é un exemplo de programa amante e colaborador coa cultura do país. É unha muller que defende algo tan esencial nunha sociedade democrática como é a cultura e a liberdade de expresión. De aí o noso agradecemento e recoñecemento”, indican desde a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.

O premio entregarase o día 11 de maio no Teatro Principal de Ourense na clausura da XXIV Miteu. Neste acto tamén se darán a coñecer e entregarán os outros galardóns da Miteu, como son o Premio do Xurado e do Espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e o Premio á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz.

Segue a programación

A Miteu está organizada por Sarabela Teatro, dirixida por Fernando Dacosta e conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia. Nesta edición son 28 espectáculos e 29 as representacións que se celebran en diferentes escenarios da cidade de Ourense, entre elas o campus universitario, e que abranguen teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música. Entre os grupos participantes mestúranse grupos profesionais e non profesionais e ademais dunha forte presenza de grupos galegos actúan compañías de Portugal, México, Nicaragua, Costa Rica e Holanda e de comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Murcia, Castilla y León, Andalucía e Navarra.

Seguindo esta programación, este martes actúan en Ourense a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que representará ás 20.00 h no Teatro Principal a obra A muller que tiña medo e marchou a vivir ao Carrefour, e Armazém Aério con Dance 21+, que levará ao Auditorio, ás 21.30 h, o seu espectáculo A pele que há en mim.