DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolleu a presentación do libro disco ‘Saudades d´alborada’

As orixes e os sons da zarzuela galega

Dentro dos actos programados con motivo do Día das Letras Galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • Música
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/05/2021

No marco da programación impulsada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para conmemorar o Día das Letras Galegas, a Casa das Campás acolleu na tarde deste xoves unha presentación do libro-disco Saudades d´alborada, que propón un percorrido histórico polo pouco coñecido xénero da zarzuela ou balada galega. O acto, ao que asistiron o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, abriuse coa intervención do editor deste traballo, o musicólogo e profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo Javier Jurado, quen afondou nas orixes e historia deste xénero. Trala súa intervención, o acto completouse coa actuación da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo, que poñen voz e son neste libro-disco a unha serie de pezas baseadas en textos de autores galegos como Rosalía de Castro ou Ramón Cabanillas, nun percorrido histórico que abrangue desde autores románticos como Juan Montés ou José Castro Chané ata a produción contemporánea de María Mendoza.

Dúas citas centradas na figura de Xela Arias

Tras esta presentación, a programación da Vicerreitoría con motivo do Día das Letras Galegas continúa o vindeiro mércores 19, cun acto que incluirá unha conferencia da escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Jesús Nogueira, centrada na figura de Xela Arias, e a presentación do número, coordinado pola profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, que a revista Tempos Novos dedica á poeta, xunto coa actuación musical de Clara Pino e Pablo Vidal. Unha semana despois, o xoves 27, a Vicerreitoría acollerá a proxección do documental Xela Arias, poeta das marxes, dirixido pola egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Pereira, así como a entrega dos premios do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021.