DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación, única en Galicia, está especializada en música antiga

A Orquestra Barroca Vigo 430 abre as portas dos seus ensaios á comunidade universitaria

Os ensaios teñen lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 23/01/2019

Música clásica en directo. A comunidade universitaria tivo este mércores a oportunidade de asistir en primicia aos ensaios da Orquestra Barroca Vigo 430. A cita foi no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, sede habitual das grandes celebracións universitarias (actos de apertura de curso, San Tomé, investiduras...) e que agora se converte tamén nun particular local de ensaio dunha formación, a Orquestra Vigo 430, que botou a andar en 2005 como unha agrupación musical de calidade na que tiveran cabida a gran xeración de músicos novos saídos dos conservatorios da comunidade galega.

Única en Galicia, a Orquestra Barroca Vigo 430 está especializada en música antiga e centrada principalmente no período barroco. Neste ensaio achegou ao público universitario o seu vindeiro concerto, que terá lugar este venres no Teatro Afundación, e no que participarán Eugenia Boix (soprano), Gabriel Díaz (contratenor), Lina Tur Bonet (directora e solista), xunto co coro de cámara Rías Baixas, que interpretarán as seguintes pezas: Gloria (Vivaldi), concerto para violín Il groso mogul (Vivaldi), Salve Regina (Leo) e Croifissione e norte de lesu Cristo (Stradella).

Promoción da cultura musical

Estes ensaios abertos, que continuarán mañá xoves de 10.00 a 13.30 h e de 21.00 a 00.00 h, celébranse ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de decembro entre a Universidade de Vigo e a Orquestra Vigo 430, segundo o cal a formación musical viguesa se encargará de ofrecer o tradicional concerto de Nadal –o xa celebrado en 2018 en Vigo, en 2019 en Ourense e en 2020 en Pontevedra- e a institución académica cedía un lugar de ensaio, neste caso o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “Esperamos que os ensaios poidan ser abertos ao público universitario, especialmente ás mozas e mozos, que nalgúns casos poderán atoparse por primeira vez coa música clásica”, explicaba naquel intre o reitor, Manuel Reigosa, ao tempo que enfatizaba a importancia de que unha orquestra nova teña un espazo permanente no que realizar os seus ensaios. O acordo coa Orquestra Vigo 430, que este ano cumpre a súa primeira década de existencia, “pode achegar moito a través da promoción da cultura musical á comunidade universitaria”, recalcaba Reigosa.