DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No tradicional concerto que se celebrou este luns no teatro Afundación

A Orquestra Clásica de Vigo inaugurou o Nadal universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Música
  • Cultura
DUVI 20/12/2022

Tras tres anos sen poder gozar deste evento, a cidade de Vigo volveu acoller este luns o tradicional Concerto de Nadal da Universidade. Foi a Orquestra Clásica de Vigo a encargada de inaugurar estas festas cunha actuación na que se deron cita tanto a comunidade universitaria como a cidadanía. A encargada de presentalo foi a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que puxo en valor a importancia de que a UVigo asuma responsabilidades que van máis aló do académico e o administrativo e se abra á súa contorna organizando actividades e eventos como este, no que ambos sectores participan conxuntamente. 

A actuación da Orquestra Clásica de Vigo estivo dirixida por Manuel Martínez Álvarez-Nava e contou con Emín Kiourktchian como solista ao piano, que interpretaron un repertorio que incluíu a Obertura de Don Giovanni, de Mozart; Allegro molto moderato, Adagio e Allegro moderato molto e marcato, do Concerto para piano, Op. 16 de Edvard Grieg; Berceuse de Frank Bridge ou Country song e Marching song, que forman parte de Two songs without words, Op. 22 de Gustav Holst. 

O concerto da Orquestra Clásica de Vigo desenvolveuse no marco dun convenio asinado  entre ambas entidades por catro anos, polo que a formación viguesa será tamén a encargada de inaugurar os próximos Nadais universitarios con concertos que se celebrarán nos campus de Ourense e Pontevedra. Este acordo toma a remuda do que no anterior mandato do actual reitor, Manuel Reigosa, se asinou coa Orquestra Vigo 430, nos mesmos termos, que ofreceu o Concerto de Nadal de 2018 en Vigo, de 2019 en Pontevedra e de 2021 en Ourense. 

A Orquestra clásica de Vigo

A Orquestra Clásica de Vigo naceu en 1984, o que a converte na máis antiga de Galicia, apostando dende os seus comezos pola formación e a innovación nos formatos. Por esta orquestra pasaron artistas como Jorge Risi, Maristella Patuzzi, Jorge Abreu, Berta Feresco, Severino Ortiz ou Guillermo Pastrana. Conta cunha tempada sinfónica estable na cidade de Vigo que aposta pola diversidade na oferta con proxectos complementarios como o Festival de Órgano 8pés ou o ciclo de música antiga Un camiño ben temperado, nos que participaron grandes artistas como Arturo Barba, Loreto Aramendi, Juan de la Rubia ou Daniel Oyarzabal. Nos seus 38 años de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos a Orquestra Clásica de Vigo achegouse tamén á danza, ao cine en directo, ás bandas sonoras, a propostas actuais e de obras consagradas.