DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sala Martin Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo con entrada de balde 

A Orquestra da UVigo debutará o vindeiro sábado interpretando obras de Haydn, Bartók, Mozart e Rossini

Unha trintena de membros da comunidade universitaria integran a formación musical

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/06/2026

Con “moitísima ilusión e tamén cun gran sentido da responsabilidade”, así enfronta a súa directora, Raquel Carrera Álvarez, e as e os integrantes da Orquestra da UVigo o seu debut o vindeiro sábado, 6 de xuño, nun concerto no auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Cun programa integrado pola obertura de L'isola disabitata e o Concerto para piano e orquestra nº 11 en Re maior de Franz Joseph Haydn, con Nicasio Gradaille ao piano; Danzas populares romanesas de Béla Bartók;; a Sinfonía nº 30 en Re maior de Wolfgang Amadeus Mozart; e a obertura de Il Signar Bruschino de Gioachino Rossini, o concerto comezará ás 20.30 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

Transcorridos oito meses desde a súa creación a iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Orquestra da UVigo está formada por unha trintena de integrantes, a maior parte estudantes e ex estudantes e tamén algún representante do PDI, procedentes maioritariamente do campus de Vigo, aínda que tamén con presenza dos campus de Ourense e Pontevedra. “Esta diversidade é algo que nos parece especialmente enriquecedor porque converte a orquestra nun verdadeiro punto de encontro da comunidade universitaria”, sinala Raquel Carrera. A nivel instrumental, a formación conta con representación das principais familias da orquestra sinfónica: corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira, e vento metal, ás que proximamente se sumará a percusión. 

Un concerto con valor simbólico importante e cun alumno da UVigo ao piano

“Para moitas das persoas que integran a orquestra esta é a primeira vez que participan nun proxecto sinfónico universitario destas características e somos conscientes de que este concerto ten un valor simbólico importante, porque supón a presentación oficial ante a comunidade universitaria e ante o público en xeral. Por iso estamos traballando con moito compromiso e coidando tanto a parte musical como o espírito de grupo que queremos transmitir desde o inicio”, explica Raquel Carrera, ante a cita do vindeiro sábado en Vigo. 

En canto ao programa elixido para o concerto de debut da orquestra, a súa directora asegura que se pensou buscando o equilibro entre obras atractivas para o público e pezas que permitisen traballar distintos aspectos musicais e orquestrais. “Tamén tivemos moi en conta o momento no que nace a orquestra: queriamos un repertorio que representase enerxía, variedade e capacidade expresiva, pero que ao mesmo tempo fose asumible para unha agrupación que está comezando o seu camiño”, explica Raquel Carrera. 

Mención expresa realiza a directora da Orquestra da UVigo á posibilidade de contar para a súa estrea “cun solista de piano de grandísimo nivel, que actualmente é estudante do grao de Tradución e Interpretación da UVigo e que tamén foi profesor de piano no conservatorio superior de Vigo, Nicasio Gradaille, que se ofreceu a traballar coa orquestra dende o primeiro minuto. Para nós é un auténtico luxo poder compartir este primeiro concerto cun músico da súa experiencia e sensibilidade artística, e tamén un exemplo perfecto do talento tan diverso que existe dentro da propia comunidade universitaria”. 

Unha oportunidade para ver nacer un proxecto cultural 

Tanto a directora da orquestra como as e os seus integrantes animan á comunidade universitaria e a calquera persoa á que lle guste a música a asistir ao seu debut, porque “van atopar un concerto moi coidado, preparado con moitísimo traballo e cariño por parte de todas as persoas implicadas, cun programa atractivo e cun ambiente moi cercano”. 

Para Raquel Carrera a do sábado será “unha oportunidade moi especial para ver nacer un proxecto cultural novo dentro da Universidade de Vigo e para comprobar o enorme talento e compromiso que existe na comunidade universitaria. Ademais, un concerto dunha orquestra universitaria ten algo moi auténtico: hai ilusión, aprendizaxe, convivencia e moitas ganas de comunicar coa música”. Así mesmo, a Carrea gustaríalle que este primeiro concerto  “servise tamén para que máis persoas da comunidade universitaria se animen a achegarse á música e, por suposto, a formar parte da orquestra no futuro”.

Logo desta estrea, a Orquestra da UVigo presentarase en Ourense o día 12 de xuño.