DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival das novas músicas da UVigo celebrarase o 13 abril no Vidal Bolaño

Ortiga e Dani, dobre aposta pola música feita en Galicia no Sonora `2.3

Con entrada libre ata completar a capacidade do teatro de Cidade Universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/03/2023

Ortiga e Dani, nomes artísticos de Manuel González, alias Chicho, e Daniela Díaz Costas, conforman o cartel de Sonora `2.3, o festival das novas músicas da UVigo,que se celebrará o 13 de abril a partir das 17.30 horas no teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria do campus vigués. “Partindo da base de que unha das características de Sonora é presentar unha programación variada, con diferentes perfís, neste caso a Vicerreitoría de Extensión aposta por dous intérpretes galegos, Ortiga e Dani, porque desexamos impulsar e recoñecer o talento da nosa comunidade”, explica da vicerreitora Susana Reboreda Morillo, que considera que as artes galegas, en xeral, e a música en particular, “están nunha fase de esplendor e de expansión, máis importante se cabe, porque vén da man de artistas xoves que a través do seu traballo recoñecen a importancia da nosa lingua”.

Dani será a primeira en subir ao escenario do Vidal Bolaño a partir das 17.30 horas, mentres que Ortiga comezará a súa actuación unha hora máis tarde. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do teatro.

Posdata, o novo traballo de Dani  

No seu regreso á Universidade de Vigo, na que foi alumna do Grao de Publicidade e Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra, Dani presentará o seu novo traballo Posdata, que serve de continuación ao de debut Veinte, que publicou en 2022, cando tiña 19 anos. 

En Posdata Dani, continuadora da tradición musical viguesa, herdada da súa nai, Rosa Costas, membro de Aerolíneas Federales e do seu tío, Miguel Costas, integrante de Siniestro Total, presenta unha radiografía sentimental dos seus dous últimos anos e medio, e no que o desamor funciona como detonador dun empoderamento que serve de fío común nos dez temas que conforman o disco. Como “un disco con moitos salseos” define a propia Dani o seu novo traballo, que inclúe temas como No te voy a mentir, que simboliza o inicio dunha nova etapa na que se foi a vivir a Madrid ou Ceras rosas, nacida dun sentimento de carencia de conexión con ela mesma. 

Neste novo traballo, a viguesa volve estar acompañada por Aaron Rux como coautor e produtor, salvo nos temas Nubes, producida por Juan Izquierdo e Códigos, asinada por InnerCut. 

A combinación do espírito verbeneiro cos ritmos latinos de Ortiga 

Ortiga será o encargado de encher a partir das 18.30 o Vidal Bolaño coa súa particular visión musical, na que conviven o espírito das verbenas cos ritmos latinos. Fusión de cumbia, merengue, bachata e autotune foi o que o músico santiagués despregou no seu primeiro traballo Chicho & sus chichas, logo da disolución de Esteban & Manuel, o dúo do que formou parte entre os anos 2017 e 2018 e no que creou o estilo denominado cumbiatune e psicocumbia e tamén da súa participación en Boyanka Kostova. 

Sabes el camino que elegí foi o segundo traballo de Ortiga, no que músico seguiu a fusionar os sons latinoamericanos co espírito galego. Da man de Ernie Records, o traballo de Ortiga, que toma os eu nome dunha pintada que hai en Ourense, diante do Pueblo Café Cultural, adéntrase no merengue e nos ritmos latinos, a salsa e o funk. “Creo que é un album máis complexo, tanto nas letras como en música”, sinala o músico sobre Sabes el camino que elegí, un traballo que Ortiga foi quen de simultanear coas súas colaboracións co cantante Pili Pampín. Eu chorar chorei foi o primeiro éxito deste particular dúo, que a principios deste ano lanzou un remix de O galo, mesturando sons techno e guaracha coa música tradicional galega e que se publicou a modo de aperitivo do novo traballo no que ambos están a traballar desde hai un ano. 

Unha mostra das diversas facetas da cultura  

Coa celebración do festival Sonora a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo pretende amosar, segundo Susana Reboreda, “as diversas facetas da cultura e manifesta o noso respecto de apoio a través da organización de actividades en diferentes eidos dirixidos á comunidade universitaria e á sociedade”. Para a vicerreitora, Sonora “ensalza a música como factor de encontro entre o público que é chamado a acudir ao campus de Vigo para pasar un rato de ocio e divertimento”.