DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As liñas xerais de ingresos e gastos para o próximo exercicio presentáronse este venres no Claustro

O orzamento da UVigo para o 2022 increméntase nun 7,6% e alcanza os 198,7 m€, o maior da súa historia

O reitor anunciou que a UVigo acadou en 2020 cifras récord en captación de fondos de I+D+i

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río e D. Besadío DUVI 17/12/2021

A Universidade de Vigo contará en 2022 co orzamento estrutural máis alto da súa historia: 198,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,6% respecto das contas do 2021. Este incremento, segundo explicou o vicerreitor de Economía, José Mª Martín Moreno, “confirma a senda de estabilidade orzamentaria da UVigo e a súa capacidade de funcionamento pleno no actual contexto, e permitirá seguir avanzando nos eixos estratéxicos do programa de goberno, especialmente centrados nas persoas”. Así o explicou o titular de Economía na sesión ordinaria do Claustro Universitario celebrada este venres para presentar as liñas orzamentarias para o próximo exercicio, e na que o reitor, Manuel Reigosa, presentou o seu último informe anual desta lexislatura, informe ao que tamén se sumou, entre outros, o da Valedora Universitaria.

Así, a Universidade de Vigo presenta un orzamento superior ao 2021 debido, segundo o vicerreitor, ao grande incremento das axudas derivadas do novo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e ao incremento da financiación do PFSUG 2022-2026. “O conxunto do gasto mantén criterios de evolución racionais, marcado pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o noso nivel de gasto, e potenciando o capítulo de persoal asociado ás novas políticas e garantindo a suba salarial”.

Dos 198,7 millóns de euros, 155.568.008 € son ingresos ordinarios, o que representa case 5 millóns de euros máis que nas contas de 2021. O resto do montante global corresponde á financiación afectada, é dicir, a asignada especificamente a proxectos ou investimento dependentes de convocatorias de terceiros.  Con todo, dende o equipo de goberno destacan que a cantidade total podería verse incrementada “á espera de confirmación de novas partidas procedentes da Unión Europea, que estimamos non sexan inferiores aos 7 millóns de euros, polo que o montante total de ingresos que poderá recibir a Universidade o ano que vén superará os 200 m€”, sendo o orzamento de ingresos máis alto da historia da institución. 

Estabilidade e contas saneadas para un novo ciclo

O 2022 será o ano no que se iniciará o desenvolvemento do Plan de Financiamento do SUG 2022-2026, asinado o pasado 7 de decembro. A este inicio de ciclo a UVigo chega, segundo Martín Moreno, “cunhas contas saneadas, con cumprimento dos criterios de estabilidade orzamentaria e presentando superávit estrutural dende 2014”. Neste sentido, a xestión económica da institución, sostén, “mantén firmes unhas coordenadas que pasan polo mantemento do equilibrio orzamentario e o estrito cumprimento dos prazos legais para facer fronte aos pagos, así como a incentivación da captación de recursos en fontes non tradicionais para manter e incrementar a actividade en distintos campos”.

O capítulo de persoal crece un 4,73% 

O orzamento do 2022 terá como eixo principal, como vén sendo habitual nas contas da institución, o capítulo correspondente ao persoal, que crece un 4,73% e representará o 61,59% do total, 122,4 millóns de euros, fronte aos 116.833.700 € do exercicio en curso. Este incremento débese á subida salarial do 2% previsto nos orzamentos do Estado para 2022, aos sexenios de transferencia e ás ofertas de emprego público 2021 e 2022.

Este montante para gastos de persoal permitirá ao equipo de goberno, como explica o vicerreitor, avanzar na finalización “dos compromisos adquiridos ao principio do mandato en relación co PDI e o PAS”, que pasaban pola baixada da docencia a 280 horas, o baleirado da bolsa de catedráticos e titulares, distintas convocatorias de contratados e axudantes doutores, captación de talento novo, axuste salarial de figuras predoutorais, pago íntegro de complemento específico das pagas extras, recoñecemento de quinquenios e sexenios aos axudantes doutores e recoñecemento progresivo de antigüidade ao persoal investigador, oferta de emprego público para o PAS, proceso de funcionarización do PAS laboral, etc. 

Xunto co capítulo de persoal, os orzamentos contemplan 36 millóns de euros para investimentos reais (18,13%) e 31,4 millóns (15,79%) para gasto corrente. 

Liñas xerais de actuación orzamentaria

Ademais de poñer o foco no PDI e o PAS, no relativo aos estudantes a UVigo seguirá a manter o esforzo de anos anteriores priorizando o mantemento das bolsas e o lanzamento de novas convocatorias extraordinarias, así como a captación de novo alumnado, co foco posto tamén na internacionalización. Outras das liñas estratéxicas serán o avance da dixitalización, un proceso que foi clave para facer fronte á pandemia, e a eficiencia enerxética e a sostibilidade. Neste último aspecto, a Vicerreitoría de Planificación contará para o exercicio de 2022 cunha dotación de 6.505.736 €, superior á do ano anterior ao incorporar unha dotación finalista para actividades de centros docentes e para rematar as infraestruturas de eficiencia enerxética. Ademais, continuarase coas actuacións estratéxicas dos campus de Ourense e Pontevedra e coas actividades de mantemento, actualización e conservación da infraestrutura existente.

Principais capítulos de ingresos

En canto á composición dos ingresos da institución, un 8,62% corresponden ao capítulo de taxas, prezos públicos e outros ingresos; un 70,39% a transferencias correntes; os ingresos patrimoniais achegan o 0,12%; un 14,23% corresponde a transferencias de capital; o 0,20% procede da enaxenación de investimentos reais e un 6,45% englóbase na variación de activos financeiros. Destaca “o considerable incremento das transferencias correntes respecto de 2021 (+7,83 %) debido ao incremento na previsión de fondos do Plan de Financiamento do SUG que se vai a asinar para o período 2022-2026 e o maior éxito na captación de fondos alleos”. 

Na quenda de palabras deste punto da orde do día interveu Xan Cebro, presidente da Xunta de Persoal, que solicitou que o equipo de goberno que saia do proceso de electoral da próxima primavera, teña en conta dúas demandas do PAS. Por unha banda, o pagamento do 100% das pagas extra do PAS funcionario, o que tería un custe, sinalou, de 320.000€. Por outra banda, Cebro reclamou a aplicación do complemento da carreira administrativa, un dereito que recolle a lexislación e que a Xunta de Galicia aplica aos seus traballadores e aos doutros entes pero que “a nós se nos está usurpando”.

A captación de fondos de I+D+i elévase ata os 27,7 millóns de euros

Este ano a captación de fondos de I+D+i acadou, segundo explicou o reitor no seu informe anual, a cifra récord de 27,7 millóns de euros, 4,8 millóns máis que en 2020, cando a cifra total ascendía xa a 22,9 millóns, superando de xeito claro as cifras acadadas nos anos previos (18,3 no 2019; 18,5 en 2018; 19 no 2017; 14 no 2016; 10 en 2015 e 9 no 2014).

Segundo foi detallando o reitor, o 23% destes fondos acadados en 2021 (6,4 millóns de euros) proceden de proxectos internacionais, maioritariamente (5,9 millóns) dos 16 proxectos que foron concedidos dentro da convocatoria H2020 da Unión Europea. Neste senso, Reigosa salientou que “a evolución histórica do número de proxectos europeos e os importes acadados pola comunidade investigadora da UVigo incrementouse un 17% respecto ao ano anterior”. As actividades de I+D supoñen outra das principais vías de captación de fondos. Neste caso, o importe por este tipo de actividades foi de 6,1 millóns de euros, “o que supón un incremento dun 23% en número e un 20% superior en importes con respecto ao 2020”. A outra gran partida é a dos proxectos nacionais, unha vía pola cal este ano se conseguiron 5,6 millóns de euros e que “amosa unha tendencia crecente en fondos desde 2018”. O resto dos fondos divídense entre as partidas autonómicas -que supuxeron ingresos por 3,9 millóns de euros-, as axudas para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación -3,5 millóns-, e os proxectos desenvoltos en colaboración empresa-universidade (Ignicia, proba-concepto, etc), grazas aos que se conseguiron 1,7 millóns.

En relación co incremento progresivo da relación empresa-universidade, o reitor incluíu no seu informe unha referencia ao Programa de Doutoramento Industrial, “que a UVigo leva tempo tratando de impulsar” e para o que xa se recibiron once solicitudes de participación -sete do ámbito científico e catro do tecnolóxico-. Este programa supón que a investigadora ou investigador realizará os seus estudos a cabalo entre ambas entidades, o que segundo considerou o reitor, facilitará que “probablemente”, quede na empresa no futuro, “actuando de nexo de enlace” entre os grupos de investigación e o tecido empresarial.

Catro novos títulos de grao e cinco de mestrado para 2022-2023

Tras dar minuciosa conta dos detalles do novo Plan Galego de Financiamento Universitario para o período 2022-2026, ao que onte xoves lle deu o seu visto e bo o Consello da Xunta e sobre o que o Duvi xa ten informado en diferentes ocasións, Reigosa manifestou unha vez máis a súa satisfacción “porque supón unha evidente mellora”: por unha banda, “porque hai máis cartos a disposición da universidade pública” e, pola outra, “porque supón un recoñecemento explícito e implícito da importancia que ten o Sistema Universitario Galego dentro da sociedade galega”.

Xunto ao Plan de Financiamento, o outro grande eixe do informe anual do reitor foi o mapa de titulacións. Salientou, neste senso, a necesidade de “pelexar porque a oferta sexa o máis ampla posible”, se ben lembrou que o debate sobre cales serán os novos títulos de grao a pór enriba da mesa para os vindeiros anos queda adiado ata que se coñezan os resultados das vindeiras eleccións a reitor, tanto en Vigo como en Santiago. Feita esta aclaración, lembrou o pacto acadado para a implantación o vindeiro curso académico dun grao e un mestrado en Intelixencia Artificial, con carácter interuniversitario e que se implantará en Ourense –Escola Superior de Enxeñaría Informática-, Coruña e Santiago. Xunto a esta nova titulación, o reitor tamén se amosou moi optimista en que o curso que vén boten a andar o Grao en Relacións Internacionais,  de carácter interuniversitario, así como o Grao en Deseño e o Grao Dual en Enxeñaría da Automoción, adscrito á Escola de Enxeñería Industrial. No caso dos mestrados, a idea é que se poñan en marcha cinco novos títulos: Enxeñaría Biomédica, na Escola de Enxeñería Industrial; Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, en Filoloxía e Tradución; Exercicio Terapeútico e Funcional en Fisioterapia, na Facultade de Fisioterapia; o xa mencionado en Intelixencia Artificial e, si todo sae segundo o previsto, o mestrado exclusivo de Enxeñaría Aeronáutica cuxa memoria, xa aprobada pola escola, está a exposición pública ata o vindeiro 28 de decembro e que se debaterá en Consello de Goberno o vindeiro mes de xaneiro e para o que o reitor pedirá a aprobación por asentimento ou unanimidade.

De cara ao futuro, Reigosa lembrou o acordo para a implantación de mestrados correspondentes aos 30 perfís profesionais identificados no estudo G2030, dos cales 15 xa se consideran cubertos por titulacións existentes no SUG; un que que se corresponde coa titulación de Intelixencia Artificial; outro que se resolverá cunha nova mención (blockchain e tecnoloxías DLT) no Mestrado en Ciberseguridade da UVigo e da UDC e outros 13 que darán lugar a novos mestrados interuniversitarios e que recollen temáticas como economía circular, tecnoloxía textil, biofabricación, innovación educativa, internet das cousas ou vehículos autónomos. En relación aos centros, o máximo responsable da UVigo informou aos claustrais que se continúa a traballar “cara a posibilidade de instalar a Facultade de Ciencias do Mar na ETEA”, se ben isto é algo que “non é doado”. Desde o seu punto de vista, as que si están practicamente listas son as facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra, e Relacións Internacionais en Ourense.

588 positivos Covid desde setembro de 2020

O  Claustro foi tamén o lugar elixido polo reitor para dar conta das cifras relativas á incidencia da Covid-19 na comunidade universitaria. Neste sentido, indicou que o número total de casos confirmados na Universidade de Vigo desde setembro de 2020 foi de 588: 478 do sector estudantes, 70 do PDI e 40 do PAS. Referiuse tamén o reitor ás actuacións  realizadas en materia de sostibilidade (noticia claustro 29 de outubro) e ás cuestións máis destacadas desenvolvidas no ano 2021 relativas tanto ao profesorado (prazas, criterios para estabilización e promoción, medidas salariais, etc.) como ao persoal de administración e servizos (funcionarización do PAS laboral, revisión da Relación de Postos de Traballo....).

A Valedora Universitaria pon o foco na necesidade de fortalecer o dereito á conciliación

O derradeiro Claustro do ano é tamén o marco habitual no que a Valedora Universitaria presenta o seu informe anual. Neste caso, Esther Pillado fixo referencia a que a situación vivida durante o ano 2020 evidencia, desde o seu punto de vista, varios retos que a Universidade debe afrontar sen moita dilación; “non se trata de novas necesidades da nosa comunidade universitaria, senón que a crise sanitaria remarcou a urxencia da súa regulación”. Trátase, dun lado, do desenvolvemento de varios artigos dos Estatutos da Universidade de Vigo relativos ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do estudantado, co obxectivo de acadar unha Universidade máis igualitaria. Doutro, da necesidade de aprobación dun regulamento de avaliación e cualificación do estudantado que dea resposta a algunhas das recomendación que desde a propia valedoría se dirixiron ás autoridades académicas e dun regulamento do persoal docente e investigador que dea unha axeitada resposta ás necesidades deste sector.

Salvo no relativo a estas cuestións, a situación sanitaria non supuxo, con carácter xeral, un cambio significativo da tipoloxía dos asuntos tratados pola Valedora, “o que se debeu, en gran medida, ao grande esforzo realizado por toda a comunidade universitaria para adaptarse a unha situación moi complexa para todos e todas”, recalcou Pillado. O número de expedientes foi de 24, o que apenas difire dos de 2019, cando se tramitaron 23 expedientes. No que atinxe á distribución por sectores a maioría dos expedientes séguense a referir ao estudantado (79%), seguido a bastante distancia polo profesorado (17%) e polo persoal de administración e servizos (4%). En canto á distribución por campus, o comportamento tamén é parecido ao de anos anteriores, cun claro predominio dos expedientes tratados no campus de Vigo (79%), seguido a moita distancia polo campus de Ourense (17%) e de Pontevedra (4%). Sen apenas división por sexo –o 50% dos expedientes están asinados por mulleres e o 46% por homes-, os principais motivos que levaron ao alumnado a solicitar a intervención da valedora refírense á revisión de cualificacións de materias de grao; mentres que o PDI reclamou, sobre todo, pola resolución dun concurso público de méritos e o PAS polo adiamento de distintos procesos selectivos.

O 60% das accións do Plan Estratéxico, xa iniciadas ou completadas

Nesta sesión do Claustro tamén se presentou o Informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico, aprobado hai un ano. O encargado de presentalo foi o catedrático Jacobo Porteiro, que explicou a finalidade do informe é  “evitar que este Plan Estratéxico, como ocorre con outros, quede nun estante” e engadía que, aínda que o traballo non está concluído, xa se deron grandes pasos “e estamos máis preto de ter un panel de indicadores sistematizado que facilite o seguimento do plan nos próximos anos”.

No que se refire aos primeiros resultados desta análise sobre o grao de implementación do Plan Estratéxico, Porteiro recalca que están “satisfeitos” e consideran “moi positivo que case máis do 60% das accións estean xa iniciadas ou completadas”. Así, dos 158 indicadores, 70 xa están valorados e facilítanse no informe presentado ante o Claustro; outros 28 obteranse en breve, “porque estamos traballando na súa sistematización”; 57 deben ser reformulados e outros tres “poden anularse porque están duplicados”. Ademais do traballo nos indicadores, avaliouse tamén o estado das 118 accións estratéxicas e, neste sentido, 68 xa están iniciadas, 44 están pendentes e 5 xa se completaron. 

Regulamento da creación de institutos de investigación e cadro de persoal de PDI

Noutro dos puntos da orde do día, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, presentou o Regulamento da creación e de xestión dos institutos de investigación da Universidade de Vigo. Este novo documento, que recibiu o visto e prace do Claustro, substituirá á normativa actual, que data de 1996. Este regulamento recolle os pasos precisos para propoñer a creación dun instituto de investigación, a vinculación do seu persoal, os contidos da memoria de creación ou a estrutura de gobernanza e as súas función. No que se refire aos institutos de investigación xa existentes, estes disporán dun ano para adecuarse á nova normativa desde a entrada en vigor do regulamento.

Esta derradeira sesión do Claustro do 2021 completouse con outros asuntos, como o informe sobre a situación dos cadros de persoal docente e investigador, no que o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, analizou a situación actual do cadro de persoal de PDI e a evolución e as políticas levadas a cabo nos últimos anos pola institución neste eido. Explicou que no inicio da lexislatura apostaron por realizar unha análise do cadro de persoal, cuxos resultados amosaron varios desequilibrios relacionados co xénero, as folguras, o grao de consolidación, o envellecemento do persoal e falta de relevo xeracional e tamén problemas debido ao tamaño das unidades docentes. Para facer fronte a estes retos, Ramos explicou que os principios básicos das políticas de PDI nestes catro anos baseáronse “na planificación, en criterios claros e estables, na transparencia, na dedicación do 100% da masa salarial nas persoas e na negociación colectiva real”. Así, establecéronse cinco eixos prioritarios: a promoción, a estabilización, a creación de novas prazas, a recuperación dos dereitos do PDI e a política de programas de investigadores, como sinalou o vicerreitor, que puxo o foco de cara ao futuro no reto da renovación do cadro de PDI ante unha futura “avalancha de xubilacións”.

Nesta xuntanza tamén se aprobou a modificación do artigo 3.2º do Regulamento Electoral e procedeuse á elección de representantes nos Consellos de Campus e diversas comisións de traballo.