DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancan este xoves coa celebración da Escola de Enxeñería Industrial no auditorio Mar de Vigo

Os actos de graduación deixan atrás a pandemia

En mes e medio o campus acollerá a celebración de máis dunha ducia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 01/06/2022

Presenciais, con imposición de bandas e coas alumnas e alumnos que se gradúan arroupados polos súas madriñas e padriños de promoción e os seus familiares. A Universidade de Vigo retoma este curso os tradicionais, e tamén emotivos, actos de graduación. No campus de Vigo as celebracións arrancan este xoves da man da Escola de Enxeñería Industrial, o máis multitudinario, e tras el virán máis dunha ducia de actos que se prolongarán ata finais de xullo e nos que se graduarán máis dun milleiro de alumnas e alumnos das diferentes escolas e facultades.

455 novos graduados e graduadas no ámbito das enxeñarías 

A Escola de Enxeñería Industrial será este xoves, 2 de xuño, o primeiro centro do ámbito das enxeñarías en celebrar o seu acto de graduación. A partir das 18.00 horas no auditorio pazo de congresos Mar de Vigo 325 alumnas dos sete graos e do mestrado que se imparte na escola protagonizarán un acto que estará presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa. En presenza das familias, graduaranse as primeiras promocións do Grao en Enxeñaría Biomédica (51 estudantes), titulación deseñada coa colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e tamén do Grao en Tecnoloxías Industriais (38 estudantes), que forma parte do programa de excelencia Ultreia 2020 da Xunta de Galicia. O acto complétase coas graduacións da novena promoción do alumnado que cursou os seis graos que se imparten na escola (198 estudantes), ademais do da sétima promoción do Máster en Enxeñaría Industrial (38 estudantes). “Nesta edición volven as familias a poder participa no acto, co que imos acadar, creo, unha nova marca no rexistro de asistencia. Nun momento no que hai moita falta de titulados de perfil tecnolóxico, o número de graduados e graduadas nesta promoción, penso que invita a un certo optimismo cara o futuro”, explica o director da escola, Juan Pardo. 

Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebrará por separado os actos de graduación da VII promoción do Máster en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (25 estudantes), o venres 3 de xuño, e o da IX promoción do Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación (60 estudantes), que será o 10 de xuño. Sobre as dúas celebracións, que se desenvolverán no salón de actos do centro, a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, sinala que “supoñen unha carga emocional grande, dado que é posible volver compartir coa familia, amizades e comunidade educativa do centro. Pero máis ca iso, supón o comezo dunha nova etapa prometedora e chea de oportunidades para todo o estudantado”, sinala  a directora, que lembra que “a maioría de estudantes da EET xa están a traballar, dado que a Enxeñaría de Telecomunicación é unha profesión sen paro e con alta demanda en todos os ámbitos socio-económicos, aínda que cómpre recordar que tamén é un ámbito moi cambiante, cunha evolución vertixinosa”, destaca a directora.

Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía os actos de graduación celebraranse o 17 de xuño no paraninfo da UVigo, no edificio Ernestina Otero, e estarán protagonizados polos 45 alumnos e alumnas da IX promoción do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, da IX promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía e a VII promoción do Máster en Enxeñaría de Minas. O acto de graduación conta este ano coa novidade da entrega do premio Soltec Ingenieros ao mellor expediente da anterior promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía, que se suma aos galardóns concedidos polos colexios profesionais aos mellores expedientes das anteriores promocións do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (premio Coitmg) e do máster (premio Coimne). “Esta é a primeira vez que se concede o premio Soltec Ingenieros, que dá visibilidade á colaboración e implicación desta empresa co desenvolvementos das titulacións do centro”, sinala da directora da escola, Elena Alonso, que anima ás novas e novos graduados a “sentirse moi seguros pola sólida formación recibida e orgullosos por formarse nun centro público”, sinala. 

Dobre celebración na Facultade de Filoloxía e Tradución

A Facultade de Filoloxía e Tradución é tamén das máis madrugadoras do campus vigués. O seu acto será este venres 3 de xuño ás 17.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e contará coa presenza do reitor, Manuel Reigosa e do alcalde da cidade, Abel Caballero. Neste evento recibirán as súas bandas, como explica do decano, José Montero, “as promocións 2018-2022 dos tres graos do centro: Tradución e Interpretación, Linguas Estranxeiras e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios”. Os padriños serán os docentes Carmen Becerra, Esperanza Rama e Ramón Méndez. O acto contará tamén coa intervención da escritora Ledicia Costas e a actuación do grupo Os Carunchos.

Para Filoloxía e Tradución este será o segundo acto de graduación que se celebra en menos dun mes, xa que o pasado 14 de maio, o centro celebrou a despedida das promocións 2016-2020 e 2017-2021 destes graos, que non puideron celebrar no seu momento os correspondentes actos de graduación. Os padriño, neste caso, foron os docentes José María García-Miguel Gallego, Esperanza Rama e Luis Alonso Bacigalupe.

Preto de 400 novas graduadas e graduados no ámbito xurídico-social

No ámbito xurídico social, na Facultade de Comercio o acto de graduación terá este ano un sabor especial, xa que será a primeira vez que o centro viva esta celebración como facultade. “É o inicio dunha nova etapa cargada de ilusión e novas propostas aínda que sempre co orgullo a responsabilidade e o agarimo de ter o  berce que nos viu nacer na Escola de Empresariais e que nos fixo merecedores do lugar que ocupamos na Universidade e na sociedade”, explica a decana Consuelo Currás. Será o xoves 16 ás 18.00 horas no Teatro Afundación e nel recibirán as súas bandas 87 estudantes: 37 alumnas e alumnos da IX promoción do Grao en Comercio, 28 do Máster en Comercio Internacional e 22 do XI Máster en Dirección de Pemes. Como madriña do Grao en Comercio intervirá a profesora María Jesús Freire, mentres que no caso do Máster en Comercio Internacional exercerá como tal á profesora asociada Ana Díaz-Becerra. No caso do Máster de Pemes o padriño será o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo optaron por celebrar de xeito independente cada unha das graduacións. Arrancarán este mesmo venres co Máster en Avogacía, ás 17.00 horas no salón de actos da facultade -un acto no que participarán 23 estudantes que cursaron o mestrado en Vigo e seis en Pontevedra-, mentres que para os graos elixiuse como escenario o salón de actos de Ciencias Económicas e Empresarias. O xoves 23 será o acto de graduación das 37 alumnas e alumnos da X promoción do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, unha celebración na que intervirá como padriño o profesor de Dereito Administrativo Jacinto Lareo. “Ademais na próxima xunta de facultade elixirase como padriño externo ao xuíz decano de Vigo Germán Serrano”, explica o decano, Francisco Torres. No caso da X promoción do Grao en Dereito a graduación será o xoves 1 de xullo. Recollerán as bandas 58 alumnos e alumnas que elixiron como padriño ao profesor da Dereito Civil Ángel Mariño de Andrés e como madriña á profesora de Dereito Romano María José Bravo Bosch. “Ademais imos propor como Claustral honorario ao catedrático de Dereito Penal na Universidad de León Migue Díaz y García Conlledo”, explica Torres, quen destaca destas novas graduadas e graduados “a súa capacidade de adaptación e vontade de mellora, tal e como demostraron durante a pandemia”, ao que engadiu que sempre axudaron e colaboraron, “con espírito crítico pero construtivo” na superación de todos os obstáculos que se presentaron nos últimos anos.

No caso da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais tamén se celebrarán de maneira independente as graduacións de cada un dos graos. Farano no salón de actos da facultade, todos ás 18.00 horas. Arrancarán co Programa de Simultaneidade Ade-Dereito o sábado 18 de xuño, un acto no que se gradúan 32 estudantes que elixiron como padriño a Enrique García Chillón, propietario da firma viguesa Profand, un dos principais grupos pesqueiros españois. Continuarán coa graduación de 32 alumnas e alumnos do Grao en Economía o venres 22 de xullo e, finalmente, o sábado 23, será o acto do alumnado do Grao en Administración e Dirección de Empresas, 105 estudantes que elixiron como madriña á irlandesa Susan Stell, directora executiva da Axencia Europea de Control da Pesca en Vigo.

Os graos de ciencias, entre mediados de xuño e finais de xullo

No eido científico, os actos de graduación estenderase dende mediados deste mes de xuño ata finais de xullo. Así, a Facultade de Ciencias do Mar ten previsto celebrar o evento o día 17 deste mes ás 17.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais. Os protagonistas do acto serán os 37 estudantes da décima promoción do Grao en Ciencias do Mar e 10 da sétima do Máster Universitario en Oceanografía, compartido pola Universidad de Cádiz, a Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e a Universidade de Vigo, como explica o seu decano, Miguel Ángel Nombela. Ademais, tamén se fará entrega dos diplomas aos mellores expedientes da novena promoción de graduados e graduadas en Ciencias do Mar.

A seguinte cita será a da Facultade de Bioloxía, o vindeiro 1 de xullo ás 18.00 horas tamén no mesmo salón de actos. Como apunta a decana, Mercedes Gallardo, “trátase da décima promoción do Grao en Bioloxía, composta por arredor de 70 estudantes”. O acto contará "coa participación das familias, tratando de recuperar costumes previas á pandemia", pero o que aínda está sen decidir son os padriños desta promoción.

Finalmente, o acto da Facultade de Química será xa ben entrado o verán, o 22 de xullo, “por solicitude do alumnado”, como explica Ángeles Peña, decana do centro. Será tamén a décima promoción do grao composta por 41 alumnos e alumnas que poderán gozar dun acto coa mesma normalidade previa á pandemia. Quedan así atrás as restricións que marcaron o acto do curso pasado, “con aforo limitado e no que non houbo imposición de bandas, xa que o alumnado xa entraba no salón de actos con elas postas”, lembra a decana.