DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento do físico Rubén Varela

Os afloramentos costeiros están a actuar como un moderador do quecemento global

Nela cuestiona que o cambio climático provoque o fortalecemento destes fenómenos

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/07/2018

O océano é unha gran fonte de recursos para o ser humano e, por tanto, é básico coñecer en detalle aqueles mecanismos ou variacións que poidan ocorrer nel e que poden afectar de forma relevante tanto en termos socioeconómicos como de biodiversidade. Tendo en conta esta premisa, Rubén Varela, físico do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo, analizou na súa tese de doutoramento a evolución dos afloramentos costeiros e a súa relación co cambio climático. 

A tese, dirixida por Ramón Gómez Gesteira e María Inés Álvarez Fernández, levou por título Worlwide evolution of upwelling and its influence on SST trends e foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. “Os principais obxectivos deste estudo foron analizar a evolución dos afloramentos costeiros durante as últimas tres décadas de intenso cambio climático e investigar a influencia destes afloramentos nas tendencias da temperatura superficial do océano mundialmente e nalgunhas áreas en concreto”, resume o xa doutor.

Afloramentos permanentes ou estacionais

Segundo explica o investigador de Ephyslab, un dos mecanismos máis coñecidos a nivel costeiro é o afloramento, fenómeno que implica que, como consecuencia dos ventos e do movemento das augas, a auga na superficie do océano é substituída nestes enclaves por auga máis profunda, que usualmente é máis fría e rica en nutrientes e polo tanto provoca un aumento da produtividade na zona. “É clave estudar os cambios producidos nos afloramentos costeiros ao longo das últimas décadas xa que poden provocar variacións na produtividade das diferentes zonas e mesmo migracións de peixes ou cambios na taxa de captura de diferentes especies”, comenta Rubén Varela.

Algunhas das zonas máis importantes de afloramento, detalla o investigador, son aquelas coñecidas como EBUS (Eastern Boundary Upwelling Systems), que son Benguela, Canarias, Humboldt e California. Porén, sinala Varela Rodríguez, os avances en bases de datos de alta resolución teñen permitido sacar á luz outras zonas de afloramento en zonas máis pequenas, entre as que destacan Somalia, La Guajira, Java ou Yucatán, entre outras. “A principal diferenza entre os EBUS e o resto de zonas de afloramento é que os primeiros soen ter o que se denomina afloramento permanente, que significa que ao longo de todo o ano presentan características favorables ao afloramento, mentres que no resto o afloramento soe aparecer estacionalmente”, explica o físico. Neste mapa de afloramentos, lembra como a costa oeste da Península Ibérica, e en particular a costa galega, tamén é unha recoñecida zona de afloramento, como queda patente na proliferación de bateas ou na temperatura excepcionalmente baixa da auga das súas praias. 

A hipótese de Bakun

Entre os numerosos estudos desenvolvidos nas últimas décadas para tratar de coñecer a evolución destes afloramentos, o investigador do campus de Ourense sinala que probablemente o avance máis importante foi o realizado por A. Bakun en 1990, que advertiu dun fortalecemento dos sistemas de afloramento máis importantes do mundo e propuxo que este fortalecemento estaba sendo producido polo quecemento global, polo cambio climático. Así, resume Rubén Varela, a hipótese de Bakun apuntaba a que este fortalecemento se debía a que os continentes estaban quecéndose máis rápido que os océanos e, por tanto, producíase un aumento no contraste termal entre terra e océano. Isto, á súa vez, provocaría un incremento nos gradientes de presión entre terra e océano e, finalmente, se reflectiría nun aumento dos ventos favorables ao afloramento. “En consecuencia, o afloramento aumenta, o aporte de auga máis fría cara a superficie aumenta e, con elo, a produtividade”, explica o investigador do campus de Ourense sobre a proposta de Bakun. 

Recentemente, comenta o xa doutor, diversos estudos comprobaron esta hipótese, diferindo os resultados de forma significativa entre eles. Froito da análise de datos realizada para a súa tese de doutoramento, Rubén Varela sinala como “non é posible describir un comportamento homoxéneo para todas as zonas de afloramento ao longo das últimas décadas. Isto é debido a que as tendencias do afloramento varían substancialmente dependendo do lugar de estudo. Por tanto non se pode aceptar de forma tallante a hipótese de Bakun”. Así, detalla o investigador da Universidade de Vigo como “se ben é certo que algúns dos sistemas de afloramento máis importantes como California, Benguela ou Humboldt presentan un reforzamento no afloramento tamén se observa que a tendencia difire dependendo da zona estudada, da duración do estudo, da época do ano utilizada e, incluso, da base de datos”. 

A temperatura da superficie do mar

Outro foco importante da tese de doutoramento deste físico do campus de Ourense foi a relación entre o afloramento e a temperatura da superficie do mar. “Como consecuencia da aparición do afloramento a auga costeira presenta temperaturas inferiores ás oceánicas, o que supón que variacións no índice de afloramento poden provocar variacións na temperatura da superficie do mar”, comenta Rubén Varela. No seu estudo apunta como se observan tendencias positivas da temperatura superficial do océano, é dicir de quecemento, na maioría das zonas oceánicas (92%) e costeiras (87%). Estas porcentaxes, indica Varela, “foron similares en todas as concas oceánicas, excepto no océano Pacífico oriental, onde foron considerablemente máis baixas”. Este patrón, engade, é aínda máis pronunciado nas rexións de afloramento, onde máis do 92% das localidades costeiras estivéronse quentando menos que as súas respectivas localizacións en alta mar. 

Estes datos, engade o físico, contrastan coas áreas que non son de afloramento, onde a porcentaxe de localidades costeiras que se estiveron quentando menos que os seus equivalentes en alta mar é do 58%. “Por tanto, parece evidente que o afloramento está a actuar como un moderador do quecemento global nas zonas afectadas por este mecanismo e, por tanto, actúa como refuxio termal ante o cambio climático, o cal pode afectar á dispersión de especies mariñas e aos seus comportamentos migratorios”, sinala por último Rubén Varela.