DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor en funcións presidiu a última xuntanza do órgano de goberno dos seus dous mandatos

Os agradecementos e a satisfacción polos acordos acadados protagonizan o derradeiro Consello de Goberno de Manuel Reigosa

Expresou a súa expectativa de que se poida consensuar unha reforma da PAU

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/06/2026

“Moitas grazas a todas e todos. Foi un pracer”. Con estas palabras remataba Manuel Reigosa a súa derradeira intervención como reitor no Consello de Goberno celebrado este mediodía, unha sesión na que unicamente presentou o seu habitual informe, aprobáronse actas e na quenda de intervencións varios integrantes do órgano de goberno manifestaron o seu recoñecemento ao reitor e ao traballo desenvolvido polo Consello durante os últimos oitos anos.

A catedrática Carmen Ruíz foi a primeira en tomar a palabra na quenda de intervencións para agradecer que se lle permitise participar no Consello, así como a confianza que nela depositou nela. Pola súa banda, o docente e investigador Virxilio Rodríguez recoñeceu “o traballo e responsabilidade grande que implica desempeñar un cargo de xestión” e o labor desenvolvido por goberno e oposición, “con puntos de vista distintos para construír”. Por parte da representación sindical do PDI, o docente e investigador Miguel Cuevas gabou “o afán negociador do reitor e a capacidade de diálogo” que permitiu chegar a acordos.

O reitor en funcións agradeceu os recoñecementos recibidos, asegurando que “discrepar é positivo e cómpre buscar o mellor para a institución”. Reigosa manifestou a súa satisfacción polas melloras acadadas nalgunhas normativas, así como polo acordo logrado coa parte sindical para mudar os recoñecementos docentes, “un exemplo de negociación e de poñer na pel de quen goberna unha institución complexa”.

Na procura dun acordo para reformar a PAU

No seu derradeiro informe ao Consello de Goberno, Reigosa sinalou en relación coa reforma da PAU pretendida pola Xunta de Galicia para dispor de máis persoas designadas pola administración autonómica para a organización das probas, que “non teño inconveniente en mellorar”. Á espera da celebración dunha xuntanza entre as reitoras da UVigo e da USC e o reitor da UDC coa Xunta para analizar a cuestión, Reigosa manifestou a súa expectativa en que se poida “consensuar unha norma e que haxa acordo”.

Por outra banda, o reitor en funcións confirmou a aprobación por parte do Consello Galego de Universidades de todas as titulacións enviadas pola UVigo e o envío das cifras de admisión de estudantes solicitadas. “En canto se aproben en Madrid, celebrarase unha sesión extraordinaria do Consello Galego previsiblemente a comezos de xullo”, sinalou Reigosa.