DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha iniciativa dos estudantes de terceiro de Publicidade e Relacións Públicas

Os alumnos do campus amosarán a súa creatividade no concurso para elixir a camiseta oficial de "Santa Kata’08"

O prazo de entrega dos deseños finalizará o 8 abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 01/04/2008

Os alumnos do campus poderán amosar a súa creatividade no concurso para seleccionar a camiseta oficial que se comercializará en Santa Kata’08, a festa dos estudantes para festexar a patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que terá lugar o 24 de abril.
Os responsables do certame e da organización do evento, estudantes de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas, decidiron aproveitar a calidade dos traballos dos seus compañeiros e dar unha oportunidade a todos aqueles que desexen amosar as súas propostas. “Penso que é unha boa ocasión para os que queren dedicarse ao eido de deseño, é un xeito de dar a coñecer o que sabes facer”, comentou unha das rapazas encargada do concurso.
Todos os participantes optarán a un único premio, un lote de merchandising de Santa Kata’08, aínda que se deixará algunha sorpresa para o proxecto que, tras resultar un dos tres máis votados polo xurado, sexa o seleccionado pola organización. Un dos alumnos responsables explicou que “haberá moitos premios pero nada comparado coa satisfacción de que todos leven unha camiseta co teu deseño!”.

Estética “retro”

No certame poderán participar todos os carteis que, seguindo unha temática libre, respecten a estética retro, a que foi a elixida polos membros da organización como temática da festa deste ano. Todos os traballos deberán ser realizados en formato A3, en dúas tintas, sen limitación de colorido e un mesmo autor non poderá concursar con máis de un deseño.
O prazo para presentar as propostas rematará o próximo 8 de abril e os interesados poden entregalas na conserxería da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, xunto cun folio cos seus datos persoais.
O xurado emitirá o seu fallo nos dous días seguintes á finalización do período de admisión e comunicaráselle ao gañador por correo electrónico, ademais de publicalo na web da organización www.fotolog.com/santakata08