DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do profesor da UNED, Antonio Torres del Moral

Os alumnos de Ciencias Socias e da Comunicación asistiron a unha clase maxistral sobre a liberdade de expresión

Organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 07/04/2008

Censura, liberdade de expresión e liberdade de información son temas que aínda na actualidade centran intensos debates. Por iso, os alumnos de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas asistiron na mañá deste luns, 7 de abril, a unha clase maxistral sobre este tema da man do profesor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Antonio Torres del Moral. O catedrático de Dereito Constitucional fixo un repaso á historia da liberdade de prensa en España e a o uso que se fai dela tanto nos medios de comunicación como desde o ámbito privado. A conferencia, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, é unha das actividades incluídas no programa da materia Sistemas Políticos, impartida polo profesor, Celso Cancela.
Desde a orixe do termo ata casos concretos de actualidade que ocupan as páxinas dos xornais, Torres del Moral afondou en temas como a censura, a pluralidade de centros emisores ou as modulacións na liberdade de información dun xeito moi dinámico e aportando moitos exemplos de situacións reais. Ademais, o profesor manifestou a súa aposta por empregar o termo liberdade de comunicación pública en lugar do xa aceptado como liberdade de expresión, de prensa ou de información. Segundo explicou Torres del Moral, “antigamente a prensa era a única vía de coñecemento e de aí que aínda se utilice esa palabra” e engadiu que “se expresan opinións e se informan feitos, polo tanto co termo comunicación pública defínese mellor ese fenómeno complexo tan amplo de relacionarse con outros”.

A censura

A pesar de que na forma de informar que ten cada un xa vai implícito un pouco de opinión, a verdade é que intentar a censura nestes tempos nos que as novas chegan ao segundo, “é como pórlle portas ao campo e ao final a información acaba penetrando na sociedade”, comentou Antonio Torres no seu relatorio. A censura, propia das ditaduras e que marcan a historia de moitos países, é o oposto á democracia e á liberdade de comunicación, coa que se contribúe a crear a opinión pública, unha das principais ferramentas nas campañas políticas.

Pluralidade dos centros emisores

Tal como explicou o profesor, para que exista unha verdadeira liberdade de expresión, é necesario que haxa unha ampla variedade de centros emisores da comunicación, é dicir, de medios que informen das noticias e que aporten as súas opinións. Sen embargo, hoxe en día a sociedade está asistindo ao fenómeno da concentración de soportes en poucas mans, algo que está marcando o xeito de informar en todo o mundo e que provoca un efecto ventrílocuo, parece que hai moitas voces pero en realidade todas corresponden a un mesmo emisor.

Modulacións da liberdade de expresión

Aínda que pareza estraño, a liberdade de expresión ten certas modulacións, as veces ampliacións e en ocasións diminucións, en función do traballo que desempeñe o emisor da información. Segundo comentou o especialista en Dereito Constitucional, Torres del Moral, “a maioría dos cargos institucionais como poden ser os policías ou os parlamentarios, teñen que medir as súas comunicacións e a súa forma en relación á labor que eles teñan”. O profesor afondou neste tema e puxo como exemplo o caso dun xuíz que deu a súa sentencia en verso con motivo da celebración do Entroido nas Illas Canarias, feito polo que foi sancionado.
No caso contrario, existen profesións polas que a liberdade de expresión se pode ampliar ata cuestións que normalmente non sería aceptadas como é o caso do dereito á cátedra que teñen os docentes.