DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita ao Palacio da Xustiza e ao Colexio de Avogados

Os alumnos de Dereito coñeceron o funcionamento xudicial na cidade das Burgas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 10/10/2007

Como primeira toma de contacto, os alumnos do primeiro curso de Dereito visitaron as principais instalacións xudiciais de Ourense, o Palacio de Xustiza e o Colexio de Avogados.
“É a mellor maneira de que teñan un contacto real e directo co mundo xudicial, ademais de axudarlles a decantarse por estas vías profesionais ou optar por outras saída laborais”, explicou o vicedecano de Estudantes, Iago Fariñas.
Guiados polo xuíz decano, Antonio Piña, e o secretario do xulgado do social nº3, J.Luis Roig, preto de 30 estudantes comezaron a percorrer as distintas dependencias do Palacio de Xustiza a primeira hora da tarde. “Ademais de dúas salas de Audiencia, aquí contamos con 19 xulgados: Os de instancia, que levan os asuntos penais; os do contencioso-administrativo, onde se resolven recursos que fai un particular contra a Administración; dous xulgados penais, onde outro xuíz distinto ao que reúne as probas decide a sentencia; xulgados de menores; e xulgados do social, responsables dos problemas entre os peóns e a empresa”, describiu Piña.
Tras a parte teórica, chegou a práctica e así os alumnos comezaron a percorrer os distintos corredoiros comprobando in situ todas as instalacións citadas. Poren, a que resultou máis atractiva, ademais da Sala da Audiencia Provincial, foi a sala de Recoñecementos. Colocados a un e outro lado do cristal, todos comprobaron como se sinte unha testemuña e un acusado.
Pola súa banda, Roig comentou o difícil que lles resulta en ocasións identificar aos culpables. “Ás veces tinguen ou rapan o pelo, e noutras ocasións ata nin os recoñecemos nós mesmos, especialmente no caso dos drogadictos, que tras pasar varios días na cárcere, volven moi mellorados”.

Saída laboral

Fóra da mostra das instalacións do Palacio da Xustiza, parte dos comentarios de Roig e Piña foron dirixidos á profesión que elixiron os alí presentes. ”Exercemos a xustiza en nome do pobo, así o define a constitución; polo tanto, é unha profesión na que imperan dúas notas características: ter uns coñecementos xurídicos, e unha honestidade persoal. Un ter que ser xusto, e iso é moi complicado.”, afirmou Piña, ao que engadiu que para el os casos máis difíciles eran, sobre todo, os conflictos familiares: “cando tes que repartir 1.000 euros entre un pai, unha nai e tres fillos”.
Con todo, o certo é que o ano pasado recibíronse en Ourense máis de 6000 asuntos civís, de particular contra particular; e arredor de 19.000 asuntos penais. “Nunha cidade de 110.000 habitantes o volume que se xera é moi grande”, afirmou Piña.
Mais non tanto a nivel traballo, xa que todas as profesións xurídicas están nun momento difícil. “Para que vos fagades unha idea, en Ourense, deben haber máis de 2.000 colexiados, e vendo a cifra anterior de 6.000 asuntos.... Logo para aprobar as oposición tamén está complicado, porque é unha media de tres ou catro estudando para competir con outros 5.000 aspirantes a ocupar unha das 150 prazas de xuíz. Hai que traballar, pero só hai que querer”.
Por último, chegou a despedida e unha invitación a todos os universitarios. “Esta casa está aberta para que veñades cando queirades. Aquí os xuízos son públicos e podedes entrar en calquera e acudir como público para ver como se comportan as partes, os avogados...ver un pouco o asunto dende dentro”.

Colexio de Avogados

O Ilustres Colexio de Avogados foi a seguinte parada. Alí coñeceron todas as instalacións da man do director da Escola de Práctica Xurídica, Alejandro Garrido: “No momento en que rematedes a carreira, se queredes encamiñarvos polo exercicio profesional, teredes que colexiarvos e formar parte deste colexio”, anunciou.
Unha posibilidade que aumenta pola entrada en vigor da Lei de acceso á profesión, “para exercer como avogado ou como procurador, teriades que cursar na escola de practica xurídica e salvar unha proba”, adiantou Garrido.