DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio Xurídico Empresarial acolleu a sinatura do convenio

Os alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo realizarán prácticas nos hoteis Hesperia

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 24/01/2008

Incorporar alumnos en prácticas a unha das principais cadeas hoteleiras de España e completar así a súa formación fóra das aulas é o obxectivo principal do convenio que a Facultade de Empresariais e Turismo asinou co grupo Hesperia. O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e Ramón Braña, director da zona de Galicia da cadea, foron os encargados de representar a ambas entidades na firma do convenio.
Precisamente o vicerreitor agradeceu a colaboración e adiantou que “ademais de conseguir que os nosos alumnos, tanto da diplomatura como do posgrao en Dirección e Planificación do Turismo poidan realizar prácticas no grupo Hesperia, estamos a negociar outro convenio para ofrecer aos profesores e PAS da Universidade vantaxes para aloxarse nos hoteis da cadea que conta con 52 hoteis repartidos por España, Venezuela, Reino Unido, Andorra e Bélxica”.

Prácticas de formación remuneradas

Pola súa banda, Ramón Braña amosou a súa satisfacción de estar “nunha terra na que desgraciadamente non temos establecementos pero que é a do noso presidente, que sempre agradece calquera esforzo que se faga por Ourense”. A cadea, a décima do país, conta cunha presenza en Galicia de 9 hoteis entre os que destaca o Hotel A Toxa. Braña destacou “o gran número de alumnos da Universidade interesados no eido do termalismo e a gran demanda que no sector hai destes profesionais polo que os acordos deste tipo benefician a ambas partes”. Engadiu ademais que as prácticas son sempre remuneradas por obrigación da cadea e que trala estimación das vacantes en todos os hoteis realizan a selección dos alumnos e o seu destino de acordo as súas preferencias.
Javier Esteban López , responsable de RRHH de Hesperia apuntou que o obxectivo é sempre “formar bos directivos e bos empregados porque son estudantes pero á vez traballadores potenciais da empresa e non man de obra” dixo e engadiu que “nunha porcentaxe moi alta soen quedar na cadea como indefinidos e a partir de aí medrar ata acadar xefaturas de departamentos ou postos de dirección como xa ocorre na actualidade”.

Condicións das prácticas

O decano da Facultade, Jesús Vázquez, puntualizou que “ a necesidade de formación práctica no proceso de adaptación ao EEES e, neste caso, as aulas trasladaranse aos hoteis da cadea Hesperia, que nos abriu totalmente as súas portas en canto a número de alumnos en prácticas. Non serán nin un nin dous e irán acordes ás súas posibilidades de formación”. O tempo das prácticas será o estipulado por convenio, tres meses obrigatorios como parte dunha materia máis onde o alumno avalía á empresa e os profesores á súa vez avalían ao estudante, que desenvolve un informe e o presenta ante un tribunal. A maiores, as prácticas poden ampliarse por decisión da empresa e do propio alumno.
Trala sinatura do convenio e no mesmo salón de graos do Edificio Politécnico, Ramón Brañas e Javier Esteban López impartiron a conferencia A xestión dos recursos humanos no grupo Hesperia, onde analizaron o organigrama empresarial e os criterios de selección e dirección do persoal da cadea.