DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo promove este mércores 21 unha xornada virtual, con especialistas de España e México

Os aspectos emocionais e terapéuticos dos procesos de resolución de conflitos centran a conmemoración do Día Europeo da Mediación

Impulsada pola Cátedra Unesco ‘Educación Transformadora’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/01/2026

A Universidade de Vigo conmemora novamente o Día Europeo da Mediación, que se celebra este mércores 21 de xaneiro, coa sexta edición dunha xornada dirixida a afondar nos principios e ferramentas deste proceso de resolución de conflitos a través do acordo entre as partes. Trátase dun evento de carácter virtual, promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflito (Cuemyc), que se desenvolverá na tarde deste mércores no Palacio de Congresos de Campus Remoto. O seu programa abrangue unha serie de relatorios que afondarán en aspectos como o papel da mediación nas administracións públicas, a importancia dos estados psicoemocionais nos procesos de resolución de conflitos ou a inclusión de acordos terapéuticos nos procesos de mediación. 

“Este ano abordaranse temas moi importantes para a convivencia e o benestar das persoas a través da interiorización dos principios e ferramentas” da mediación, sinala a catedrática Francisca Fariña, coordinadora dunha xornada para toda a cidadanía. Sen necesidade de inscrición previa, a actividade estará aberta a un máximo de 150 persoas, que poderán solicitar un certificado de asistencia.

A xornada dará comezo ás 16.30 horas e contará con especialistas “altamente recoñecidos” no ámbito da mediación, que permitirán ademais promover o intercambio de coñecemento con expertos e expertas de América Latina. Nomeadamente, esta edición contará coa participación de tres conferenciantes de México, país que conta desde 2024 cunha Lei Xeral de Mecanismos Alternativos de Solución de Controversias, “na que inclúen os procesos de xustiza terapéutica e xustiza restaurativa”, lembra Fariña.

Da mediación nas organizacións aos acordos terapéuticos

Esta xornada virtual abrirase cun relatorio da presidenta honorífica da Cuemyc, Leticia García Villaluenga, profesora da Universidad Complutense de Madrid. Nunha conferencia titulada La mediación en el seno de las administraciones públicas, de la teoría a la práctica a través de la investigación, presentará os resultados “dun proxecto de investigación centrado na formación sobre a mediación e convivencia”, levado a cabo con persoal da Administración Xeral do Estado e que amosa “a importancia deste tipo de formación para as organizacións e as persoas que traballan nelas”, salienta Fariña.

A continuación, a conferencia La neuromediación desde una perspectiva de la salud mental para la paz reunirá o presidente da Asociación Mexicana de Psicología y Salud Mental, Blass S. Jasso, e a presidenta do Colegio Estatal de Psicólogos en Intervención de Jalisco, Delia Pérez Guerrero. Ambos afondarán na necesidade ter en conta os “estados psicoemocionais” das partes implicadas nos procesos de resolución de conflitos. “A neurociencia, en xeral, e a neuropsicoloxía, en particular, desempeñan un papel moi importante na interacción de persoas, especialmente cando se atopan en estados psicoemocionais negativos”, como enfado, rabia ou desesperación, lembra Fariña, que apunta que estas cuestións “resultan de especial relevancia” nos procesos de mediación nos que as partes “atópanse enfrontadas”, como podería ser nunha ruptura de parella. Non obstante, “non todas as escolas de mediación prestan atención aos procesos psicoemocionais”, engade a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor, que salienta a importancia de “pór o foco neste tipo de procesos na formación das persoas mediadoras”.

A xornada contará tamén coa intervención do maxistrado Luis Osuna, vicepresidente da Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica (AIJT) e presidente da Asociación Mexicana de Justicia Terapéutica, quen afondará nos procesos de mediación “con orientación de xustiza terapéutica”. Esta “ten en conta a busca do benestar emocional das persoas que participan no proceso, así como os estados psicoemocionais que facilitan a colaboración e minimizan o enfrontamento”, engade a coordinadora desta xornada, quen recalca que a mediación non é unha terapia, mais si pode resultar “terapéutica e pacificadora” para as partes implicadas. Nomeadamente, Osuna centrará a súa intervención nos “convenios terapéuticos de intervención”, acordos nos que as persoas comprométanse a someterse a tratamentos ou programas terapéuticos, a solicitude do xuíz ou tribunal ou dunha das partes do proceso. Estes, lembra, requiren do acordo coa persoa que debe realizalos, de tal xeito que a mediación permite aumentar o seu compromiso “e a adherencia aos tratamentos, xa sexan programas reeducativos ou de saúde mental”.