DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata mediados do mes de marzo realizan accións informativas nos tres campus

Os axentes do cambio comezan a concienciar á comunidade universitaria sobre a Axenda 2030

Son 13 estudantes implicados en dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI 20/02/2020

A Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estanse a converter nun eixo fundamental do traballo da Universidade de Vigo no eido da responsabilidade social. Ademais de campañas de sensibilización e dous cursos para PAS e PDI que se desenvolven neste segundo cuadrimestre, outro piar para concienciar aos membros da UVigo na importancia do desenvolvemento sostible son os Axentes do Cambio. 13 estudantes voluntarios –tres de Ourense, dous de Pontevedra e oito de Vigo- que ao longo do primeiro cuadrimestre se formaron nos contidos da Axenda 2030 e que agora estanse encargando de dar a coñecer nos seus respectivos campus este compromiso internacional asinado polos países membros da ONU para facer fronte aos retos sociais, económicos e ambientais da globalización, poñendo no centro as persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. Para isto están a desenvolver “unha campaña informativa, que comprende postos, actividades divulgativas e obradoiros”, como explica, Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social.

Dende este pasado luns e ata o 5 de marzo percorrerán escolas e facultades entregando folletos sobre a Axenda 2030, o cambio climático e os efectos do uso do plástico, ademais de realizar dinámicas polas cales regalarán libretas e pulseiras cos ODS e bidóns de auga. O director da Área de Responsabilidade Social explica que “son alumnas e alumnos moi implicados neste proxecto e que están entusiasmados por contribuír ao cambio que representa a axenda” e teñen “a obriga moral” de sensibilizar á comunidade universitaria sobre a necesidade de mudar hábitos, crenzas e comportamentos para “contribuír á defensa do Planeta e acadar un mundo máis solidario, xusto e inclusivo”. 

Tras o seu paso polo campus de Pontevedra esta semana, hoxe xoves estiveron no centro comercial de Cidade Universitaria e, mañá venres, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Tras o Entroido regresarán as sesións informativas, o día 3 estarán no Edificio de Ferro en Ourense e da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais. O día 4 na Facultade de Ciencias en Ourense e o 5 no Edificio Xurídico-Empresarial tamén en Ourense.