DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conferencia de Jairo Dorado, tradutor en Serbia

Os balcáns centrais, un exemplo de diversidade lingüística

No relatorio afondou na situación de Volvódina e Kosovo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/02/2008

“O multilingüismo e a diversidade son posibles e, ademais, é positivos”. Un bo exemplo desta situación idiomaticamente plural é a zona dos Balcáns centrais, sobre a que versou o relatorio de Jairo Dorado, tradutor e intérprete en Serbia. Para explicar os fundamentos e as bases desta afirmación, este licenciado en Tradución pola Universidade de Vigo debullou tanto a lexislación como a situación das maiorías e minorías lingüísticas nesta inestable parte do mundo.
Segundo salientou, Serbia comprende dous territorios como son a Volvódina e Kosovo, nos que a maioría non é serbia, polo que a situación das linguas é ben diferente do resto do país. Con todo, a zona dos Balcáns e da antiga Iugoslavia sempre se caracterizou pola súa multiculturalidade, pero o que provocou os diferentes enfrontamentos e guerras “non foi o idioma, senón cuestións relixiosas e étnicas”, salientou Jairo Dorado.
Residente en Beogrado e tradutor de literaturas balcánicas ao galego, é un gran coñecedor da idiosincrasia lingüística da zona e fala perfectamente serbio e húngaro. “En Serbia, a oficialidade téñena o idioma serbio e o alfabeto cirílico, pero tamén son de uso oficial outras linguas e alfabetos e, cada nacionalidade ou pobo con máis de 100 anos de tradición no país ten o dereito de usar a súa lingua propia e o seu propio alfabeto”, explicou, polo que é moi común en zonas multiétnicas que sexan oficiais ao mesmo tempo seis idiomas.
Este é o caso da Volvódina, que é a rexión autónoma con maior número de linguas oficiais e de minorías étnicas, un total de 26. Pero, segundo comentou Dorado, “isto non é un problema, a sinalización pode estar ata en seis idiomas oficiais, a documentación pública está dispoñible en todos eles e están completamente recoñecidos no que xa é a lexislación lingüística máis avanzada de Europa”.
Xunto co Serbio, cada unha destas etnias ten dereito, nos concello onde representen máis do 20% da poboación, de que o seu idioma sexa oficial nese territorio. No territorio completo da Volvódina son oficiais e os idiomas máis falados o serbio, o húngaro, o eslovaco, o romanés o croata e o ruteno. Esta última lingua “procede do eslovaco antigo, do século XVI, cando parte dos seus habitantes quedaron illados do resto do país e mantiveron e modificaron esta lingua”. Xunto con estes seis conviven outros 20 idiomas e dialectos que “no lugar de ser un problema, son un factor de diversidade e unidade, xa que o feito de que nun concello se fale unha lingua e no do lado outro, fai que todos os habitantes da zona dominen varios idiomas”. Segundo salientou o relator, esta zona conta no maior número de doutorandos entre a súa poboación e a xente sen educación fala máis de tres idiomas, “que son tan diversos entre si como poden o galego e o euskera”.
Esta situación que semella tan complicada, de feito non o é e está asimilada como o normal, nun acto que Dorado cualifica de enriquecedor e positivo. Pero aínda con 26 idiomas, o inglés está buscando tamén facerse un oco, “principalmente para facilitarlles as cousas aos turistas”. Pero non sempre foi todo tan harmónico e as sucesivas limpezas étnicas mudar as situacións lingüísticas nos concellos da zona ao longo de todo o século XX.

A situación lingüística de Kosovo

Fronte ao caso da Volvódina, en Kosovo a lingua non é un factor diferencial e boa parte da poboación fala as dúas linguas oficiais, o serbio e o albanés. “É un caso moi complicado e sempre foi un territorio multiétnico, máis aló das súas poboación predominantes”, explicou Jairo Dorado. Os Gorani ou os turcos son dúas minorías que non teñen recoñecidas como oficiais as súas linguas xa que, xunto co albanés e o serbio, só inglés foi recoñecido no 2000, por mor do elevado número de soldados estranxeiros destinados no territorio.
Pero, a recente declaración de independencia de Kosovo presenta moitas incógnitas, tamén a nivel lingüístico. “Estase detectando, entre os menores de 30 anos, unha tendencia ao monolingüísmo, deixando de lado o serbio ou o albanés” e a nova lexislación idiomática do país, pode incidir moito nesta tendencia. “A opción máis probable contempla o albanés como lingua oficial e o serbio e o turco como cooficiais e, paulatinamente as minorías irán perdendo poder”, explicou.

Novo país, novos riscos

Máis aló do ámbito lingüístico, polo seu coñecemento da zona Jairo Dorado referiuse tamén á situación política actual, trala declaración da independencia. “En Kosovo non hai kosovares, hai albaneses e serbios e esta circunstancia é un dos maiores determinantes da situación actual; non hai un estado que reprima a outro, non hai bos e non hai malos e as limpezas étnicas sucedéronse da man dos dous bandos”, explicou.
A independencia plantexa moitas incógnitas, xa que “estaba previsto publicar a constitución o 7 de febreiro e aínda non se sabe nada; o baleiro lexislativo é preocupante, sobre todo nun país como Kosovo cun PIB tres veces inferior ao de Albania, que é o máis pobre de Europa”, puntualizou. “É unha situación crúa, dura e violenta que probablemente desencadee un conflito civil no prazo de seis meses ou un ano”, vaticinou Dorado e sinalou outra circunstancia preocupante, xa que o previsible veto de Serbia e Rusia, deixará ao novo país ao marxe da legalidade internacional e contando coa maior base militar de EEUU no mundo.