DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizados polo grupo NEUROcom, participan investigadores das universidades galegas

Os cafés-teatro científicos, galardoados pola FECYT por inspirar a cultura científica

Da man da ANL e Trabalingua, formaron parte das actividades do Día da Ciencia en Galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/12/2011

Bares, cafetarías ou mercados. Calquera lugar pode ser bo para a ciencia e a divulgación, sobre todo se ofrece un espazo informal e distendido para que o público se interese polo coñecemento científico. Este é o obxectivo co que naceron os cafés-teatro científico da man do grupo NEUROcom, da Universidade da Coruña. Estas experiencias, nas que toman parte investigadores e profesores das tres universidades galegas, veñen de ser recoñecidas pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) como unha das 10 actividades inspiradoras en cultura científica en toda España.

A idea é que expertos e científicos presenten neste tipo de lugares alleos ao sistema de I+D campos concretos do coñecemento científico nun ton informal e centrándose en curiosidades e cuestións de actualidade e relevancia social. O seu formato humorístico, a elección dun público non especializado e de escenarios públicos e a súa capacidade para espertar a curiosidade científica valéronlle esta distinción como práctica inspirado do 2011.

Ao fronte dos cafés-teatro científicos están Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, investigadores pertencentes a NEUROcom, ademais de científicos colaboradores entre os que se atopan os vigueses Luís Sampedro e Alberto Velando, acompañados dos actores Vicente de Souza e César Goldi.

Ademais de espertar a curiosidade e fomentar o debate, estas sesións científicas van acompañadas por soporte de vídeo e imaxe a colaboración dos actores que interveñen de forma espontánea ao longo do discurso dos científicos provocando a interacción cos asistentes e achegando un toque de humor e proximidade. Para a FECYT, a innovación deste tipo de actividades reside en que revitaliza o formato tradicional de conferencia ou obradoiro, aposta pola interacción de expertos e público e constrúen unha contorna na que os asistentes se divirten ao tempo que reciben formación científica en diversos eidos.

Unha das últimas programacións dos cafés-teatro científicos coincidiu coa celebración do Día da Ciencia en Galego no pasado mes de novembro. En colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a asociación estudantil Trabalingua organizaron tres sesións nas cidades de Vigo, Pontevedra e Ourense, nas que trataron por unha banda o cerebro, por outra a ecoloxía e finalmente a astronomía.

Os cafés-teatro resultaron seleccionados como práctica inspiradora do ano xunto con outra nove actividades como o certame Inspiraciencia, o Día da ciencia nas escolas, o experimento colectivo de medición de radiación ou a noite dos investigadores.