DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ramón Fernández expón unha selección de imaxes feitas como peregrino

Os Camiños de Santiago, en 48 fotografías

A mostra estará ata o 18 de xaneiro na primeira planta do edificio Politécnico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Divulgación
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/12/2018

Desde este luns e ata o día 18 de xaneiro a primeira planta do edificio Politécnico do campus de Ourense acolle a mostra Camiños de Santiago. Trátase de 48 fotografías seleccionadas por Ramón Fernández entre as máis de 10.000 que fixo este alumno do Programa Universitario de Maiores ao longo de varias décadas realizando os diferentes Camiños de Santiago. O seu obxectivo é dar a coñecer estes percorridos e os valores asociados a eles entre a comunidade universitaria.

As fotografías, comenta o seu autor, correspóndense aos camiños Francés, Sanabrés, Portugués, Primitivo e Fisterra-Muxía, que fixo ao longo da súa vida, por etapas durante a súa vida laboral e completos unha vez prexubilado no ano 2014. Son, apunta, fundamentalmente fotografías de natureza, paisaxe e patrimonio que viu nesas viaxes e que, indica, son “o mellor regalo que fai o camiño, ademais das amizades”. “En realidade non podo dicir que me gusten máis estas fotografías que outras que fixen pero había que seleccionar e escollín estas, todas me traen bos recordos”, comenta Ramón Fernández. De destacar algunha, entre todas as imaxes apunta a unha dun amencer no Cebreiro que escolleu como portada do seu libro Buen Camino, Saint Jean Pied de Port-Santiago de Compostela, no que narra a súa experiencia realizando o Camiño de Santiago desde terras francesas.

Paisaxes e valores

Estas imaxes, comenta Ramón Fernández, xorden da súa paixón polos Camiños de Santiago, paixón que apunta naceu no ano 1971 cando facendo o servizo militar en Ourense realizaron o tramo de Ourense a Oseira. Nese traxecto, detalla, un sarxento explicoulle o que era o Camiño a Santiago e seu significado, espertando nel unha curiosidade que logo o levaría a percorrer as súas diferentes variantes, a primeira delas 1994. Entre todos os Camiños de Santiago, Fernández salienta como o seu favorito é o Primitivo, “o máis duro pero tamén o máis bonito” pola paisaxe que percorre e que se pode ver nalgunha das imaxes expostas no edifico Politécnico. Alén da paisaxe, Ramón Fernández subliña que o que é máis difícil de plasmar nas imaxes pero que caracteriza aos Camiños de Santiago é a solidariedade e a amizade que se forxan neles a pesar da súa actual masificación.   

Xa xubilado, agarda continuar ampliando no futuro o seu arquivo fotográfico facendo máis tramos dos Camiños de Santiago. “Coller a mochila é algo que necesito”, afirma. Mentres, e completando a mostra, o vindeiro martes, 11 de decembro, Ramón Fernández ofrecerá aos seus compañeiros e compañeiras do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense unha conferencia na que lles falará da súa experiencia e da súa relación cos diferentes Camiños de Santiago e como membro da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.