DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo e Pontevedra celebraron este xoves os actos de recepción, que mañá será en Ourense

Os campus dan a benvida a 463 novos estudantes estranxeiros

Son preto de 80 alumnos máis ca no primeiro cuadrimestre do curso pasado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río / Eduardo Muñiz DUVI 13/09/2018

Os datos provisionais de alumnado estranxeiro que vai cursar parte dos seus estudos na Universidade de Vigo certifican o atractivo crecente dos tres campus entre o alumnado internacional. E é que se en setembro do ano pasado a institución académica viguesa daba a benvida a 384 estudantes, no inicio do curso 2018/2019 son xa 462, aos que deberán sumarse todas e todos aqueles que se matriculen para o segundo cuadrimestre.

Nos campus xa se nota a presenza do alumnado internacional, que este xoves participou nos actos de benvida en Vigo e Pontevedra e mañá o fará en Ourense. Nesta xornada informativa puideron coñecer a oferta de lecer, deportiva e cultural, así como as instalacións e servizos que teñen á súa disposición, como o Centro de Linguas, a Área de Normalización Lingüística, o Gabinete Psicopedagóxico, a Biblioteca Universitaria, a Unidade de Igualdade, Voluntariado, etc. En total son 463 estudantes, 158 mozos e 305 mozas, consolidando a maioría feminina que se ven dando nos últimos anos. Deles, 93 permanecerán na Universidade de Vigo durante todo o curso, mentres 351 optaron polo primeiro cuadrimestre, estando aberta actualmente a matrícula para o segundo. Atendendo a estes datos, semella que neste ano se podería superaría a cifra global de 624 estudantes estranxeiros do curso pasado, que bateu o récord histórico da Universidade viguesa.

Italia, principal país de procedencia

Italia segue a ser o país de procedencia maioritario, con 89 estudantes, seguido de Alemaña con 73, Francia con 44 e Polonia con 43. Como explicaba na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Amelia Rodríguez, directora técnica da Oficia de Relacións Internacionais, “recibimos estudantes principalmente de Europa, pero tamén de Sudamérica, sobre todo de México e Brasil, de América do Norte, África e Asia,", en total de 35 nacionalidades. Atendendo aos programas de mobilidade, 337 estudantes chegan a Vigo cunha bolsa Erasmus, mentres os convenios bilaterais da Universidade traen outros 92, aos que se unen o programa ISEP, Erasmus Prácticas, convenios específicos, etc. 

No que se refire á distribución por campus, Vigo é o principal destino do estudantado de mobilidade e acolle 371 mozos e mozas, mentres Pontevedra fai o propio con 51 e Ourense con 41. A Facultade de Filoloxía e Tradución repite como o centro máis internacional, recibindo 136 alumnos e alumnas, por diante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, que acolle a 88 e a Escola de Enxeñería Industrial, a 55. No primeiro destes centros estudará Laura Misch, de Alemaña, onde cursa Filoloxía Hispánica e Ciencias Educación, pero na súa estadía en Vigo centrarase principalmente en ampliar os seus coñecementos lingüísticos. “Buscaba unha cidade pequena, non quería lugares grandes como Madrid ou Barcelona, como moito turismo”, explica, e o que puido coñecer ata agora de Vigo “gustoume moito, estou moi contenta”. A localización foi tamén un factor determinante para Adriana Cintrón, de Puerto Rico, que elixiu Vigo para estudar Bioloxía porque “quería un lugar con montañas, preto do mar para estar en contacto coa natureza”. A mexicana Marisol Chau será compañeira súa na Facultade de Bioloxía, e explica que “o plan de estudos na Universidade de Vigo gustoume moito, sobre todo no referente á ecoloxía e ademais xa puiden tomar contacto con algunhas materias e quedei encantada”. 

Estudantes e 17 nacionalidades chegan a Pontevedra

Tamén o campus pontevedrés acolleu nesta xornada o seu acto de benvida aos 41 alumnos e alumnas internacionais que permanecerán na cidade durante o primeiro cuadrimestre e aos dez que permanecerán en Pontevedra todo o curso, aos que se sumarán aqueles que se matriculen para acudir a Pontevedra no segundo cuadrimestre. En total, 51 estudantes, chegados de 17 países, aos que persoal de diferentes servizos da Universidade achegou, nun acto celebrado na Casa das Campás a oferta formativa, cultural ou deportiva da institución académica, tras recibir a benvida do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a directora da ORI, Amelia García Piña, que desexáronlles "que poidades levarvos toda unha bagaxe de experiencias preciosas e interesantes e novas amizades, que penso que iso é que o que fai as persoas ser cada día máis cidadás do mundo", como salientou o vicerreitor.

Brasil, con oito estudantes, e México, con seis, son un ano máis os países máis representados na comunidade internacional do campus pontevedrés, do mesmo xeito que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que recibe a 29 destes 51 estudantes, volve ser o centro con maior presenza de alumnado estranxeiro. Alí ampliará nos próximos meses a súa formación a chilena Macarena Cecilia Espinosa, estudante de Dirección Audiovisual e Multimedia na Universidad Católica de Concepción, que chega ao campus, explica, co propósito “aprender cousas novas, coñecer a cultura española e ver que ocorre no ámbito audiovisual aquí”. Con ese propósito atópase cursando xa materias do grao en Comunicación Audiovisual, ao igual que o alemán Daniel Haas, quen dous días despois da súa chegada recoñece terse atopado algo “completamente diferente á imaxe que temos de España en Alemaña”. Estudante de Xornalismo na Universidade de Ansbach, Haas salienta o seu interese por “comezar a estudar outro idioma desde o principio” como un dos motivos que o trouxo ata este Pontevedra neste primeiro cuadrimestre. Mais na comunidade internacional do campus tamén hai alumnos que decidiron prolongar a súa estadía, como o arxentino Rolando Cuadrado, chegado en xaneiro á cidade. “Quedo outro semestre porque non só me gustou a Universidade, que ten unha perspectiva máis práctica, e os plans de estudos, senón tamén a convivencia con Erasmus”, salienta este estudante da Universidade de Bos Aires, que aproveita a súa estadía para ampliar a súa formación cursando materias dos tres graos que se imparten en CCSS e da Comunicación. 
 

Informe do alumnado estranxeiro da Universidade de Vigo 2018/2019