DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha conferencia do profesor da Universidade de Leeds Antonio Martínez Arboleda

Os campus de Ourense e Vigo achéganse ao papel do alumnado como produtor de coñecemento a través de prácticas dixitais abertas

As sesións celebráronse nas facultades de Educación e Traballo Social e Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 11/05/2023

Esta semana, os campus de Ourense e Vigo acolleron cadansúa conferencia de Antonio Martínez Arboleda, profesor da Universidade de Leeds e un dos fundadores da rede Knowledge Equity Network, nas que afondou no papel do alumnado como produtores de coñecemento a través de prácticas dixitais abertas.

A primeira das conferencias tivo lugar o luns na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo e levou por título Estudantes como produtores de coñecemento: o podcast, a edición de wikipedia e a tradución poética como Prácticas Educativas Abertas e Recursos Educativos Abertos (REA). A segunda celebrouse este martes na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense co título A formación crítica do profesorado a través de prácticas abertas, híbridas e dixitais: a investigación aberta e o podcast. Nelas, o convidado falou sobre as prácticas dixitais híbridas abertas como ferramentas docentes nas aulas de ensino universitario e, en particular, sobre o papel das e dos estudantes como produtores de coñecemento, temas nos que ten traballado a través de proxectos de dixitalización de REA e coa súa investigación sobre pedagoxía crítica.

Tecendo rede

Ademais destas conferencia, Martínez Arboleda, como codirector do Centro para a Investigación da Educación Dixital da Universidade de Leeds e membro da Cátedra Unesco/ICDE Movemento Educativo Aberto para América Latina, mantivo unha reunión, xunto ao director do Departamento de Filoloxía Galega da UVigo Xosé Henrique Costas, coa vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, para dar a coñecer o proxecto internacional Rede Global para a Equidade no Coñecemento (Knowledge Equity Network, KEN) do que é parte do equipo fundador. Esta rede, que aglutina institucións, organizacións internacionais, educadores e investigadores, ten como propósito introducir fórmulas policéntricas de cooperación radical e contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas a través da apertura máxima do coñecemento universitario á sociedade de forma globalmente equitativa, colaborativa e non competitiva.

Segundo indicou o relator, "enfrontámonos a problemas moi graves como o cambio climático, as desigualdades, a pobreza ou carencias sanitarias e educativas preocupantes. As universidades deben ter un papel protagonista á hora de abordar estes desafíos que se nos presentan a toda a humanidade. A nosa posición como produtoras de coñecemento de calidade conleva unha responsabilidade coa sociedade para avanzar en solucións, de forma colaborativa e sen agardar a que outros decidan tomar a iniciativa”. O profesor da Universidade de Leeds sinalou que iniciativas como o I Congreso de Ciencia Aberta de España que terá lugar en xuño de 2023, organizado pola Universidade de Vigo, contribúen positivamente á equidade e felicitou á institución académica polo seu liderado neste aspecto “crucial para avanzar na apertura e democratización do coñecemento”.