DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía combinou o humor xestual e a participación do público

Os ‘Chefs’ de Yllana fan do Teatro Vidal Bolaño o seu restaurante

Dentro da programación cultural do primeiro cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 08/11/2018

Este mércores o Teatro Vidal Bolaño convertiuse no restaurante de Chefs, un grupo de cociñeiros con ideas disparatadas que intenta manter o prestixio da súa cociña con peculiares receitas. A historia, creada pola compañía Yllana, mantivo durante unha hora e media á comunidade universitaria entre gargalladas grazas ao uso do humor xestual relacionado co mundo gastronómico. 

A obra Chefs amosa, dunha forma divertida, a vida dun chef de renome que perde a inspiración e deixa o seu restaurante nas mans dun peculiar equipo de cociña que pretende crear unha receita innovadora e espectacular para manter as estrelas do restaurante. Representada por César Maroto, Susana Cortés, Rubén Hernández e Carlos Álvarez ‘Jano’, esta foi a primeira das representacións teatrais que se insiren na programación cultural do primeiro cuadrimestre da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. 

Sobre o escenario, mentres os Chefs estrela estaban a piques de estrelarse nunha competición de ego, emerxía un percorrido por distintos eidos da cociña como a relación cos alimentos e animais que se comen ou as diferentes cociñas e sabores do mundo. Ademais, esta comedia expresa unha crítica de cada unha das figuras máis representativas do mundo culinario.

A compañía teatral Yllana, creada no ano 1991 en Madrid, conseguiu romper a cuarta parede do teatro e interactuar co patio de butacas; un público universitario de diferentes idades e ámbitos que marchou do Vidal Bolaño cun bo sabor de boca. 

A próxima cita o 21 de novembro con Mofa e Befa

Como continuación da programación cultural, Mofa e Befa traerán ao campus o próximo 21 de novembro a obra teatral Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira. A través dunha sátira, Josito Porto e Víctor Mosqueira desenvolven un diálogo filosófico no que aparecen tanto personaxes históricas coma descoñecidas para responder cuestións vitais. A obra foi estreada no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) de 2017, momento dende o cal levan representando Cranios privilexiados, escrita por Carlos Santiago, polos diferentes escenarios de toda Galicia.