DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Asociación de Enxeñeiros afirma que por fin se fai xustiza á súa reivindicación

Os Colexios Profesionais de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática constituiranse esta semana

Será este venres e sábado en Santiago

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 12/12/2007

Os vindeiros 14 e 15 de decembro terá lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a constitución do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG). Deste xeito a Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG) , considera que se fai xustiza co seu principal obxectivo dende a creación, en 1992 ,da titulación.
Jesús Rodríguez Castro, presidente da asociación dende hai catro anos, afirma que esta “nace coa primeira promoción en Galicia, da que xurdimos nós, na Coruña. Só hai dúas enxeñarías sen colexio, somos practicamente os únicos e queríamos estar en igualdade de condicións coas demais”. Agora tras 15 anos de reivindicación teñen legalmente o ansiado recoñecemento que suporá, nas súas propias palabras “beneficiarnos de todo o que leva consigo unha única entidade que representa aos profesionais fronte a unha asociación que só representa aos asociados” aínda que a AEIG, puntualizou, “contou sempre cun status de semi colexio, cun apoio por parte das 3 universidades galegas como se o fora. A partir de agora será o organismo oficial de consulta para todo o relacionado coa materia”.
A principal vantaxe é “a garantía do colexiado, que ten detrás o respaldo dos profesionais que lle esixen unhas normas básicas e lle dan o soporte necesario, a estrutura para desenvolver o seu traballo. Isto levará aparellado “a maior confianza na informática á hora de contratar un colexiado” explica.

O proceso

Sen embargo o camiño para acadar o colexio non foi sinxelo, “tivemos moitos problemas, outras enxeñerías percibíano coma un risco e ademais colleunos o período de transferencia de competencias dende o Goberno central á Xunta” explicaJesús Rodríguez.
O proceso que levou á aprobación, por parte do Parlamento de Galicia, das leis de creación comezou no ano 1998 cando AEIG (daquela ALIGA) presentaba as solicitudes de creación dos colexios. Coa publicación das leis de creación en decembro de 2006 daba comezo o proceso de constitución. Así, en xaneiro de 2007 a Xunta Directiva de AEIG nomeaba ás comisións xestoras que se farían cargo do traballo necesario para convocar as asembleas colexiais constituíntes.
Rematado o prazo de presentación de emendas e candidaturas, as comisións xestoras reuníanse para proclamar oficial e publicamente as candidaturas presentadas e aceptar as emendas a ser debatidas nas asembleas.
No caso do CPETIG o venres 14, non será necesario realizar eleccións por existir unha única candidatura, encabezada por Leticia Diz Bengochea, que será proclamada electa durante a Asemblea Colexial Constituínte. Pola súa parte o sábado 15, o CPEIG si deberá celebrar eleccións por ter sido proclamadas dúas candidaturas, encabezadas por María José Durán Domínguez e Fernando Suárez Lorenzo, respectivamente. Ese mesmo día celebrarase un acto oficial de presentación conxunta dos Colexios, no que intervirán representantes das tres facultades de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, a Xunta de Galicia, e o Concello de Santiago de Compostela, cidade anfitriona do evento.

O futuro da AEIG

A AEIG é unha asociación profesional sen ánimo de lucro que agrupa aos enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática de Galicia en cuestións de representatividade coa finalidade última de obter o colexio oficial. Agora, unha vez conseguido, non ten aínda decidido o seu futuro. En palabras do seu presidente “son os asociados os que decidirán en asemblea ,se se adapta e busca un espazo propio de apoio ao colexio como se fixo noutros casos ou se o mellor é disolver a asociación. O que está claro é que non pode competir cos mesmos fines” explicou.