DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con catro categorías: Creación audiovisual, Fotografía, Pintura e Maquetas de música

Os Concursos de Creación Artística volverán repartir entre as propostas gañadoras preto de 9000 euros

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para facelo ata o 29 de xullo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Cultura
DUVI 24/05/2022

Nova chamada á creatividade artística da comunidade universitaria. Un ano máis a Universidade de Vigo acaba de facer pública unha nova convocatoria dos concursos de creación artística: XIX Premio de Creación Audiovisual, XVIII Certame de Fotografía, XIX Premio de Pintura e XIX Premio de Maquetas de Música. Abertos á participación do alumnado, o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos, as persoas interesadas en participar teñen de prazo para facelo ata o vindeiro 29 de xullo. Entre todas as propostas gañadoras  -catro categorías, oito modalidades- repartiranse un total de 8800 euros.

Creación audiovisual: curtas, non ficción, vídeo experimental e animación

No caso do XIX Premio de Creación audiovisual convócanse catro modalidades: curta narrativa, non ficción, vídeo experimental e animación e cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, non debendo exceder ningún dos traballos os 15 minutos de duración. Neste caso premiarase con 700 euros o mellor traballo de cada unha das modalidades e haberá tamén un galardón de 400 euros para o segundo mellor traballo de cada modalidade.

Fotografía: serie e fotografía única

Non hai cambios no Certame de Fotografía, que acada este ano a súa décimo oitava edición. A temática é libre e convócanse dúas modalidades: serie –de tres, catro ou cinco fotografías- e fotografía única. Con temática libre poden presentarse traballos en branco e negro ou a cor, non podendo ter un tamaño inferior a 3000 px, nin superior a 5000 px no seu lado máis longo. Neste caso, as bases establecen que os premios da serie e da fotografía única non poderán recaer na mesma persoa. Repartiranse en total 1500 euros: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 na categoría de serie, e un primeiro de 400 euros e un segundo de 200 en fotografía única.

Pintura

Outra das categorías clásicas dos premios de creación artística da UVigo é a de pintura. No certame pode participar calquera membro da comunidade universitaria que non fose premiado en edicións anteriores. Cada participante pode presentar unha única obra orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso. A técnica é libre e o tamaño das obras non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións. A técnica utilizada debe garantir a estabilidade da obra, evitando no posible a utilización de materiais que se podan degradar co paso do tempo. Establécese un premio de 1600€ para a obra que resulte mellor valorada. Se a xuízo do xurado, a cantidade e calidade das obras presentadas ao premio así o permitiran, organizaranse unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo co seu correspondente catálogo. Ademais, as pinturas premiadas formarán parte da colección artística da Universidade de Vigo.

Maquetas de música

Ao XIX Premio de Maquetas de música poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñente ao menos dous membros da devandita comunidade ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes, quedando excluídos os que teñan editado algún traballos discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade. Por outra banda, os temas incluídos na maqueta non poden ter sido premiados en ningún outro concurso. O primeiro premio ascende neste caso a 850 euros e o segundo a 450 euros e a UVigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras ou promover actuacións destes artistas, quen, ao mesmo tempo, poderán tamén promocionar estas pezas pola súa conta, sempre e cando mencionen o premio.