DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución conta desde finais de 2019 cunha unidade de resolución positiva de controversias

Os conflitos entre o persoal e os problemas de convivencia entre o alumnado centran o labor de ConviveUVigo

Este luns promoveu unha convivencia virtual sobre mediación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/02/2022

No seo da comunidade universitaria poden xurdir conflitos ou malentendidos que, de non xestionarse correctamente, poden afectar á convivencia e deteriorar as relacións persoais e laborais, á vez que influír no benestar e rendemento das persoas implicadas. Esta idea é a que motivou a creación, a finais de 2019, da Unidade de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos (ConviveUVigo), que ten como obxectivo contribuír a que as diferentes problemáticas e controversias xurdidas no seo da institución académica poidan resolverse dunha forma positiva. Desde a súa posta en funcionamento, “os conflitos entre persoal e os problemas de convivencia e controversias” entre o alumnado foron os principais ámbitos de traballo desta unidade, como explica a súa directora, a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña. A través de instrumentos como a mediación, que “constitúe unha ferramenta de xestión de conflitos alternativa ao réxime disciplinario e xudicial que, sen substituílos, actúa previamente”, buscando un acordo entre as partes, esta unidade ten contribuído, como explica Fariña, a que “se resolveran de forma positiva” todos aqueles casos nos que “interveu directamente”, aínda que ata a data, matiza, “o número de intervencións, considerando a cantidade de conflitos e controversias que existen en toda organización, non pode considerarse excesivo”. 

Alén da súa intervención nas cuestións problemáticas que poidan xurdir, ConviveUVigo ten tamén entre as súas funcións a difusión, dentro e fóra da Universidade, "dos beneficios dos métodos alternativos de resolución de conflitos”. Con ese propósito e a raíz da conmemoración, o pasado 21 de xaneiro, do Día Europeo da Mediación, a unidade promoveu este luns unha conferencia virtual do experto en mediación e en formación de profesionais nestas técnicas Alberto León de Cano que, como explicou Fariña, constituíu a “primeira actividade pública” desta unidade.

Ao servizo de toda a comunidade universitaria

“Como se xestionan e resolven os conflitos é fundamental para o benestar das persoas e tamén para o seu rendemento e eficacia”, sinala Fariña, que pon o acento no carácter “prioritario” destas cuestións para a Universidade. Nese senso, a unidade impulsada tras o nomeamento desta profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos, en novembro de 2019, presta servizo ao conxunto da comunidade universitaria, atendendo as posibles problemáticas que poida trasladarlle calquera órgano da institución ou, por iniciativa particular, tanto o alumnado como o persoal docente e investigador e de administración e servizos. Neste punto, a principal función de ConviveUVigo é tratar de dar resposta aos posibles desacordos e conflitos, malentendidos, choques de intereses, abusos de poder, faltas de respecto ou condutas de acoso que poidan darse no seo da institución. Ata a data, solicitouse a intervención da unidade “por parte dos decanatos, desde a Reitoría e tamén persoas directamente”, explica Fariña, que incide en que se ben nunha ocasión foi preciso solicitar “apoio a servizos homólogos doutras universidades”, a totalidade de casos nos que a unidade interveu directamente puideron resolverse “de forma positiva”.  

Uns inicios marcados pola pandemia

Estas tarefas de mediación que, como recolle o texto de presentación da unidade, lévanse a cabo “de xeito confidencial, neutral e transparente” desenvolvéronse nestes meses fundamentalmente a través de videoconferencias. De feito, como recoñeceu Fariña nesta xornada, a covid-19 non só implicou que este labor se trasladase a unha contorna virtual, senón que “a pandemia tamén nos obrigou a dar outro tipo de servizos de apoio ás persoas”, xa non centrados na “convivencia na Universidade, senón na convivencia nas súas casas”, que durante meses se converteron “en boa medida, no lugar de traballo tanto do alumnado como dos profesores e do PAS”.

Formar e divulgar 

Entre as funcións de ConviveUVigo figura así mesmo contribuír á formación da comunidade universitaria e en especial dos “cargos académicos e persoas xestoras” nos ámbitos da xestión e resolución de conflitos, habilidades de comunicación e técnicas de mediación. De feito, explica Fariña, nestes meses leváronse a cabo actividades formativas para PAS e PDI e entre as súas próximas accións figuran tamén novos cursos para o persoal da UVigo, así como “promover, a solicitude dunha delegación de estudantes, formación en convivencia e prevención de conflitos”.

Outro dous seus “compromisos”, lembra a súa directora, é o de “promover a convivencia e a resolución positiva de conflitos” a través de campañas de sensibilización e accións de carácter divulgativo, o que motivou a organización este luns da conferencia Abordaxe construtiva dos conflitos nas organizacións para unha nova convivencia, que máis de 90 persoas seguiron de xeito virtual. Tratouse, como destacou Fariña, da “primeira actividade aberta a todo o público”, que Alberto León de Cano, cuxa “dedicación nos últimos foi a formación para o exercicio profesional da mediación”, centrou na mediación no ámbito universitario, pondo o foco tanto na necesidade de integrar as diferentes ferramentas existentes ás características e necesidades de cada organización, como na nova lexislación en materia de convivencia nas universidades españolas.