DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Establecido o 5 de decembro polas Nacións Unidas

Os cooperantes do campus celebran o "Día Mundial do Voluntariado"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 05/12/2007

Con motivo da celebración do Día Mundial do Voluntariado, a Oficina de Voluntariado e Integración do campus agasallou aos seus cooperantes cunha xornada para compartir experiencias. “O obxectivo é fomentar a súa unión, que se coñezan e que vexan as diferentes labores que fan nas entidades” explicou a coordinadora, Gladys Castro. Ademais para conmemorar o seu día e agradecerlles aos voluntarios a súa implicación houbo pratos típicos de diferentes países levados por estudantes do Programa de Apoio a Estudantes Inmigrantes e Emigrantes Retornados. Deste xeito, preténdese o enriquecemento cultural e a integración comezando dende a comida.
Precisamente un dos alumnos estranxeiros, Moritz, comentaba que “veño de Colombia, sempre quixen ser voluntario pero alí non tiña tempo, agora aproveito os ratos libres que me deixa a tese para colaborar. Participei na Olimpíada Solidaria e a experiencia foi moi boa, seguirei participando cando poida” explicou.
Outro dos cooperantes, Bruno, alumno da ES de Enxeñaría Informática explicou que “colaboro con Aixiña, unha asociación para xente con doenzas como parálise cerebral ou esclerose múltiple. O que fago é acompañalos á piscina para que se relaxen e ao ximnasio para a rehabilitación. Todos os fisioterapeutas son moi novos e o ambiente de traballo é excelente, a experiencia é xenial, ao principio tiña medo porque non sabía o que me ía atopar pero é moi gratificante. Danme moito máis eles a min que eu a eles” dixo.
Para festexar a xornada tamén se establecerán mesas informativas por todo o campus con material de divulgación das diferentes ONG así coma chapas conmemorativas da ocasión.
Dende a Oficina de Voluntariado, unha vez superado o proceso de formación dos máis de 70 mozos, continúan integrando xente nas ONG e sensibilizando á comunidade universitaria para divulgar as súas iniciativas e incorporar novos cooperantes.